Exposición «Eugenio Granell. Diario dun soño encontrado», no Centro Cultural «Marcos Valcárcel»
O Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da Deputación de Ourense acolle dende hoxe e ata o vindeiro 22 de febreiro a exposición «Eugenio Granell. Diario du soño encontrado», do pintor coruñés Eugenio Granell (1912-2001), un dos grandes representantes do surrealismo, cuxa obra exhíbese por primeira vez en Ourense. Esta mañá tivo lugar a presentación da exposición coa presenza do vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; do comisario da mostra, Eduardo Valiña; e do director do centro cultural, Francisco González, una mostra que se inaugura esta tarde ás 20.15 horas, coa presenza do conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, neste mesmo espazo expositivo.
Francisco González explicou que o Centro Cultural organizará visitas guiadas polas dúas salas que ocupa a exposición de Granell, os venres, sábado e domingos, «para contextualizar a figura deste gran artista e analizar todo o mundo surrealista que envolve a sua obra». Tamén dixo o director do centro cultural que todos os centros educativos que o desexen poden solicitar visitas guiadas á exposición.
Eduardo Valiña comentou que a obra de Granell «defínese en tres palabras: amor, poesía e libertade, tres piares fundamentais para entender o seu discurso plástico, pois a súa poética foi favorecedora do feito artístico de Eugenio Granell, un dos artistas máis internacionais de Galicia».
Finalmente, Rosendo Fernández fixo un percorrido biográfico sobre Eugenio Granell destacando a súa «existencia longa e activa, que o levou de Galicia a París, Chile, República Dominicana, Guatemala, Puerto Rico, Nova York e novamente a España, nunca viaxe de máis de 60 anos que marcaron as diferentes etapas vitais e creativas do artista».
A mostra permite recrearse en diferentes estilos e temáticas. Son 50 pezas da obra máis representativa de Eugenio Granell, una excelente oportunidade para disfrutar dunha pintura diferente que achega una maneira distinta de percibir os sentimientos.