Estreo e proxección de ‘Sicixia’ do valdorrés Ignacio Vilar no Avenida
por Redacción CTP · Publicada · Actualizado
- O Centro Cultural Avenida acolle na primeira semana de Decembro o estreo e proxección do último filme do valdeorrés Ignacio Vilar, «Sicixia»
Xiao, enxeñeiro de son, recibe un encargo para gravar os singulares sons de Costa da Morte. Alí coñece a Olalla, unha guía local que recolle algas no océano Atlántico e que lle axudará a mergullarse na idiosincrasia do lugar. A partir de aí, nesa lexendaria Finisterrae, as súas vidas fuxirán ao seu control coma mareas rexidas por unha lei superior.
Pases:
Sábado 3: 19:00 horas
Domingo 4: 21:00 horas
Martes 6: 19:00 horas
Xoves 8: 19:00 horas
Sábado 10: 19:00 horas
Domingo 11: 19:00 horasPrezo da Entrada: 5€
Ignacio Vilar
Ignacio Vilar pasou a súa infancia na aldea galega de Castrofolla (Petín). A vida na aldea, a relación coa natureza e as historias escoitadas no fogar espertarán e alimentarán a súa paixón polo cinema. Aos dezaoito anos trasládase a Barcelona, onde funda unha escola de cine. No ano 1989 gaña o Premio Carlos Velo polo guión Ollo Birollo.
Pouco despois regresa a Galicia e funda a produtora Vía Láctea Filmes, na que dirixe longametraxes e curtametraxes en 35 mm e cinema dixital, documentais e series documentais para televisión. A súa anterior longametraxe, A esmorga (2014) marcou un antes e un despois na cinematografía galega, ao bater récords de asistencia ás salas e recibir unha excelente acollida de público e crítica. Foi a primeira longametraxe rodada en galego nominada a un Premio Goya (Mellor Guión Adaptado) e a longametraxe máis premiada na XXa edición de Cinespaña, Toulouse (Francia): Premio Mellor director (ad hoc), Mellor Interpretación Masculina e Mellor Fotografía. Ignacio Vilar recibiu o Premio da Cultura Galega en 2015 polo seu compromiso coa promoción da lingua e cultura galegas. Sicixia é a súa última película.