Estratexia Conecta Ourense, para unha visión integral de provincia
- ECOU pretende abordar os problemas urbanos do Espazo Metropolitano da cidade de Ourense.
- Trátase dun acordo que figura na folla de ruta que guía o funcionamento do ente provincial co Plan 15-19
A estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado impulsada pola Deputación de Ourense aposta polo concepto de «conexión». Baixo o nome «Estratexia Conecta Ourense (ECOU)» contida xa na folla de ruta que guía o funcionamento do ente provincial co «Plan 15-19», o seu obxectivo é «abordar os problemas urbanos do Espazo Metropolitano da cidade de Ourense relacionados, fundamentalmente, coa ausencia dunha verdadeira malla urbana que permita unha comunicación fluída tanto no interior da cidade como entre esta e o seu entorno», destacou o presidente da Deputación de Ourense.
Manuel Baltar destacou que esta estratexia «defende unha visión integral de provincia contida xa na folla de ruta Plan 15-19 e que está vencellado ao concepto de Provincia Intelixente» avanzado polo Presidente da Deputación de Ourense en Bruxelas na súa intervención no Comité das Rexións de decembro do 2015. Manuel Baltar engadiu que este acordo é «froito de dous anos de traballo xa que as conversas para a realización deste proxecto comezaron cos anteriores mandatarios municipais de Ourense».
A estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado de Ourense parte dunha estratexia de ámbito provincial e fixa a súa zona de intervención nos municipios de Ourense e nos do seu espazo metropolitano, que conforman o que nesta estratexia se denominará «Espazo Metropolitano de Ourense»: Amoeiro, Barbadás, Coles, O Pereiro de Aguiar, Punxín, San Cibrao das Viñas e Toén.
A cidade de Ourense ocupa unha posición central na provincia, na súa área urbana, na súa comarca e na súa área de influencia, pero estableceuse un perímetro urbano formado polo concello da capital e os sete concellos limítrofes porque comparten problemas urbanos e requiren unha actuación coordinada en todos eles para abordar solucións con efecto multiplicador en todo o territorio.
As actuacións desenvolveranse en varios puntos destes termos municipais con potencial para solucionar os problemas identificados, así como naquelas zonas que actúen como vínculos e conexións, tanto entre as diferentes partes da zona de intervención como entre esta e o resto da provincia.
Neste contexto, é especialmente relevante a capacidade dunha actuación supramunicipal para abordar as solucións aos problemas urbanos da área, pero sobre todo, o potencial dun proxecto común entre a cidade de Ourense e os municipios do seu entorno para reforzar vínculos entre o ámbito urbano e o rural mediante unha área metropolitana ben articulada.
A Deputación de Ourense exerce a través da posta en marcha destas iniciativas «o liderado provincial con esta estratexia participativa e ambiciosa», asegurou Manuel Baltar.
O principal problema da área urbana de Ourense é a fragmentación urbana e carencias nos vínculos que permitan establecer unha área metropolitana ben estruturada. Esta falta de unidade impide contar cunha cidade ben comunicada internamente, pero tamén co seu entorno, o que xera problemas de comunicación, cohesión e vinculación.
En total, son catro os grandes problemas urbanos identificados e polo tanto, os retos derivados de cada un deles que son preciso abordar dende unha óptica integrada:
· O primeiro problema son as carencias en vínculos e vías de comunicación que articulen a cidade e o entorno urbano para o que se propón o reto de xerar unha verdadeira trama urbana que funcione como unha área metropolitana a partir de vínculos e comunicacións áxiles, eficientes e sostibles.
· O segundo dos problemas está relacionado co ámbito demográfico, o envellecemento e a desigualdade social, polo que se pretende equilibrar as diferentes áreas do Espazo Metropolitano, así como reducir a desigualdade entre os diferentes colectivos sociais co fin de que todos os cidadáns teñan as mesmas oportunidades.
· O terceiro dos problemas refírese ao abandono de zonas urbanas con gran potencial medioambiental e económico para o que se propón como reto rexenerar o entorno urbano degradado, así como aquelas áreas en perigo de quedar illadas ou mal aproveitadas.
· O cuarto, e último problema localizado está relacionado co aumento da distancia entre o ámbito urbano e o seu entorno para o que se pretende avanzar na integración entre o ámbito urbano e rural, reducir a distancia e as diferenzas entre a cidade e as localidades que a rodean en termos de servizos públicos, integración social, desenvolvemento económico e comunicacións.
Para facer fronte a estes problemas e retos, o Espazo Metropolitano de Ourense conta con catro activos:
1. Ourense e o seu espazo metropolitano supoñen un terzo da poboación da provincia e concentran o groso da actividade económica, industrial, comercial e administrativa. Esta concentración permitirá eliminar as desvantaxes da dispersión e xerar masa crítica. Ademais a chegada do AVE, Ourense reforzará a súa condición de porta de acceso a Galicia.
2. O Espazo Metropolitano, seguindo a liña do conxunto da provincia, destaca polos seus recursos naturais, sobre todo da súa masa forestal e os seus ríos, que conectados adecuadamente, poden xerar un conxunto medioambiental con gran potencial para solucionar problemas urbanos da zona.
3. Este espazo con con recursos termais que, concentrados no termo municipal da capital, son unha palanca de desenvolvemento de primeira orde dende o punto de vista económico, social e medioambiental.
4. Por último, outro dos activos é o capital humano e cultural que permitirá aproveitar ao máximo a súa condición de Espazo Metropolitano habitable e atractivo tanto para cidadáns como para empresas.
A Extratexia Conecta Ourense (ECOU) abordará os problemas dos oito concellos de maneira conxunta e integrada despois de localizar os problemas e afondar nos retos que se deben levar a cabo para poñer en marcha solucións no marco do desenvolvemento urbano sostible da provincia de Ourense.