“A clave para que as contas sigan dando é levar a cabo unha xestión rigorosa e seria”, José Tomé Roca, Alcalde de Monforte

  • O rexedor monfortino fai balance de xestión dun ano 2020 moi complicado, marcado pola pandemia da Covid-19
  • Deixa caer que a oposición non sempre fai “crítica construtiva” e pídelles “altura de miras, en beneficio do concello”
  • Valora moi positivamente os equipos de traballo que ten, tanto no Concello de Monforte como na Deputación de Lugo

 

En portas xa do 2021, falamos con José Tomé Roca, alcalde do Concello de Monforte de Lemos, capital da Ribeira Sacra e un dos municipios de referencia na provincia de Lugo.

Aténdenos cordialmente ofrecendo firmeza e seguridade nas súas contestacións, valorando por enriba de todo a súa capacidade de xestión e o traballo dos seus equipos de traballo. Nun ano marcado pola crise sanitaria, social e económica valora a capacidade de reacción e a atención prestada aos sectores sociais máis necesitados. Non foi ano de iniciativas empresariais, recoñece, pero espera que no 2021 poidan xurdir novos proxectos emprendedores.

O Alcalde e a Tenente de Alcalde na presentación dos bonos axuda do Plan de Apoio ás familias e sectores económicos

 

Nun 2020 marcado pola pandemia, que lle queda de aprendizaxe da xestión da crise a nivel municipal?

A chegada da pandemia da Covid-19 foi un fito sen precedentes na historia da Humanidade, que nos obrigou a todos a cambiar o xeito de afrontar todos os aspectos da nosa vida, tanto no plano persoal, como social ou profesional. Polo tanto, tivemos que adaptarnos ás novas circunstancias para poder dar resposta en todo momento ás necesidades dos nosos veciños e veciñas. Eu destaco esa capacidade de reacción e de centrar os nosos esforzos en axudar ós nosos cidadáns e empresas ante a crise.

 

Aínda que conta con maioría absoluta, como valora o papel da oposición neste exercicio que remata?

Do papel dos tres grupos da oposición que forman parte desta Corporación municipal valoraría positivamente que prantexasen unha crítica construtiva e un debate político que contribuíse a sumar e non a restar. Desgraciadamente, en moitas ocasións isto non ocorre e eu o que lles pido é que teñan altura de miras, en beneficio do Concello.

 

Que tal se lle deu compaxinar mandato na Deputación de Lugo e no Concello de Monforte? Como se pode atender ‘moito e ben’ a dúas institucións tan importantes e con tanto volume de traballo?

Nestas dúas institucións teño a sorte de contar con equipos de goberno e de traballo excelentes, cunha gran capacidade de xestión e organización, o que me permite, como vostede sinala, desenvolver o goberno de ambas institucións de maneira eficaz e atendendo ás necesidades tanto dos cidadáns de Monforte como dos concellos de toda a provincia.

 

A xestión municipal en Monforte destacou, entre outras cousas, polo investimento en obra pública e polo soporte social. Así o considera tamén vostede?

Si. Vimos de presentar para o ano 2021 uns orzamentos eminentemente sociais, mantendo a liña dos que cada ano elaboramos dende este Equipo de Goberno. E cada ano incrementamos as partidas en axuda social. Pero este 2020, marcado pola crise da Covid-19, fixo que redobráramos esforzos específicos para paliar os seus efectos, en concreto, destinando máis de 800.000 euros en axudas directas, nas que se inclúe o Plan Reactiva Monforte, que repartiu axudas a empresas, autónomos e traballadores, o Plan de Apoio ás familias e ós sectores económicos de Monforte,  co que axudamos a máis de 4.000 familias repartindo bonos para consumir no comercio local, e durante o Nadal, destinamos axudas ó comercio e á hostalería monfortinos por valor de 30.000 euros.

Da mesma forma, aumentamos o gasto en axuda a domicilio, en actividades para os nosos maiores, en emerxencias sociais ou en axuda enerxética, entre outros.

E o investimento en obra pública claro que para nós é tamén importante, porque son actuacións coas que buscamos mellorar a vida dos nosos veciños, a través de melloras en infraestruturas viarias, en servizos, en iluminación, en saneamento, en comunicacións, en medio ambiente, etc., e atendendo tanto  ó núcleo urbano como ás nosas parroquias.

O Alcalde na exposición do deseño gañador para a construcción da Nova Ponte de ferro do Malecón

 

A iniciativa de inxectar axudas a empresas e autónomos e activar o comercio local con axudas ao consumo está tendo unha gran acollida. Foi difícil atoparlle oco nas contas municipais a estas importantes partidas económicas?

Xa mencionei antes estas axudas e efectivamente era necesario poñelas en marcha dado que a crise sanitaria tamén trouxo consigo unha grave crise económica. Creo que somos dos poucos concellos que puxemos iniciativas en marcha de tanto calado social e económico, e polo tanto a boa acollida é consecuencia do importante esforzo que fixemos dende o Concello. Á hora de atoparlle oco nos orzamentos municipais non houbo problema porque afortunadamente contamos cuns bos remanentes, froito da boa xestión levada a cabo por este Equipo de Goberno nos últimos anos, que así nolo permitiron.

 

As circunstancias impostas pola Covid19 deste ano impediron iniciativas e/ou proxectos de investimento privado en Monforte?

Efectivamente, a crise do Coronavirus creo que dificultou a posta en marcha de iniciativas empresariais e de creación de novos proxectos, pero agardamos poder coller impulso para o próximo ano 2021 e que poidamos así iniciar un período de recuperación económica no que xurdan novos proxectos emprendedores, tan necesarios para reforzar o noso tecido produtivo e que van contar co apoio deste Concello.

 

Un dos temas máis controvertidos deste ano está a ser o da Ponte do Malecón. Non lle parece boa idea facer unha consulta pública sobre o proxecto como semanas atrás propoñía o PP monfortino?

Os gobernos están para tomar decisións e non para pasarlles os problemas ós cidadáns. Ademais, a nova ponte do Malecón ía no programa electoral que xa votaron os veciños e veciñas de Monforte, tendo como obxectivo dous aspectos básicos: primeiro, mellorar a mobilidade da xente, e segundo, facer peonil a Ponte Medieval. Será unha obra moi positiva para Monforte.

 

Para rematar, e en clave Presupostos 2021, semella que as contas seguen dando en Monforte. Cal é a fórmula para, entre outras cousas, ter “débeda cero”, aumentar o investimento en obra pública e non comprometer o compromiso social?

A clave para que “as contas sigan dando” é levar a cabo unha xestión rigorosa e seria, analizando polo miúdo cada necesidade, cada investimento e cada proxecto. Do mesmo xeito, é fundamental contar cun proxecto de cidade a curto, medio e logo prazo, e pódolle asegurar que o noso é un proxecto por e para Monforte, sólido e transformador. E este ano comprometemos importantes investimentos como os acadados en materia de iluminación para todo o municipio, cunha inversión de 3,3 millóns de euros, na supresión dos pasos a nivel de Rioseco e Juan Montes, con 5,7 millóns de euros, nas melloras do saneamento que contarán cunha inversión de 2,4 millóns de euros, a nova Ponte de Ferro do Malecón, con 1,5 millóns de euros, a urbanización entre Rof Codina e Cobas por algo máis dun millón de euros, o novo Parque do barrio do Hospital, por cerca de 600.000 euros ou o Plan de Accesibilidade, por 300.000 euros, entre outros.

También te podría gustar...