Entregado o «Xosé Aurelio Carracedo» de periodismo

  • Santiago Jaureguízar recibe o XXVI Premio de Periodismo «Xosé Aurelio Carracedo»
  • O acto celebrouse onte no Salón de Plenos da Deputación de Ourense, coincidindo co Día Internacional da Liberdade de Prensa.
  • Jaureguízar recibiu o galardón, que concede a institución provincial, polo artigo publicado no xornal «El Progreso», titulado Os amigos do cadáver de Blanco Amor
Manuel Baltar entrega a Santiago Jaureguízar o Premio Carracedo de Periodismo

Manuel Baltar entrega a Santiago Jaureguízar o Premio Carracedo de Periodismo

 

O xornalista Santiago Jaureguízar recibiuonte de mans do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o XXVI Premio de Periodismo «Xosé Aurelio Carracedo», na súa edición 2016, dotado con 3.000 euros e diploma, un certame instaurado pola institución provincial como homenaxe e lembranza do xornalista ourensán que lle da o seu nome, falecido en 1988, e en defensa dun xornalismo de calidade. O acto, celebrado no Salón de Plenos da Deputación, contou tamén coa participación de Clara Carracedo, irmá de Xosé Aurelio, e do deputado provincial de Cultura e presidente do xurado, Manuel Doval, e a presenza de representantes institucionais e dos ámbitos cultural, social e xornalístico.

O xurado do certame concedeu o galardón a Jaureguízar polo artigo publicado no xornal «El Progreso» de Lugo, titulado Os amigos do cadáver de Blanco Amor.

Na clausura do acto, Manuel Baltar afirmou que hoxe «celébrase o Día Mundial da Liberdade de Prensa, efemérides que vimos conmemorando desde 1993, e que este ano fai referencia á cidade de Helsinki, tendo como lema a participación cidadá, a transparencia e o acceso á información, cuestións fundamentais que corresponde poñer en valor, e que, con este premio, desde a Deputación de Ourense, destacamos, como tamén unha aposta importante polo xornalismo de calidade», afirmou o presidente provincial.

Baltar subliñou o labor que realiza a Deputación de Ourense a prol da cultura, citando distincións como o Premio Ourensanía, o Premio «Blanco Amor» de novela, o Concurso escolar sobre o Estatuto de Autonomía para Galicia ou o Premio «Pura e Dora Vázquez».

«Salientamos hoxe a figura do xornalista Xosé Aurelio Carracedo porque seus valores son os que inspiran este premio: «C» de compromiso, curiosidade, certeza, credibilidade e de contrastar as informacións, algo básico en calquera código deontolóxico da profesión xornalísticas, valores todos que atesora o traballo de Carracedo», dixo Manuel Baltar, e engadiu que Santiago Jaureguízar «contará a partir de agora co prestixio de ter este premio, e este premio contará tamén co prestixio que supón unir o nome de Santiago Jaureguízar á nómina de premiados con este galardón».

En referencia ao artigo premiado, Os amigos do cadáver de Blanco Amor, o presidente da Deputación afirmou que nel se deixa claro «ese paradoxal recollido na Boneca de Blanco Amor, onde Maria Xosé Queizán dicía que ver levar a ombreiros o cadaleito de Eduardo Blanco Amor por xente que días antes, cando pasaba pola rúa, nin o saudaba é unha cuestión que non ten xustificación algunha, pois todo o que fagamos por Blanco Amor será pouco, xa que temos a obriga de seguir poñendo en valor a obra dun dos máis grandes da literatura galega».

Santiago Jaureguizar agradeceu ao xurado por escoller o seu artigo para este premio «un dos máis importantes que se conceden no país en prensa». O xornalista explicou que no seu artigo fala «das relacións entre os intelectuais e os políticos a través da figura de Blanco Amor, despois de ler unha entrevista coa escritora María Xosé Queizán que era amiga del e contaba o que lle sucedeu a Blanco Amor cando morreu».

Trátase dun artigo, que segundo o seu propio autor, aborda a relación entre políticos e intelectuais e os diferentes usos da linguaxe. «Os intelectuais tentamos ser o máis precisos posible na linguaxe porque pensamos influír nos políticos, e os políticos, sen embargo, fan un uso distinto da linguaxe, porque eles teñen que intentar non comprometerse coas palabras». Finalmente, destacou que o artigo é máis crítico cos intelectuais que cos políticos, «que teñen gran capacidade para encaixar as críticas», e comentou: «A min nunca me chamou un político cando escribín mal sobre el, anque si me ten chamado algún poeta».

Na acta do xurado, á que deu lectura Fernando R. Méndez, destácase do artigo de Jaureguízar «a calidade xornalística, o sentido crítico e o feito de actualizar, por medio dunha personaxe histórica da literatura galega como é Blanco Amor, a crítica á situación social que vivimos nestes momentos. Asemade o xurado considera que se trata dun artigo «moi ben estruturado e orixinal, unha proposta excelente polo seu enfoque».

También te podría gustar...