Entrega de diplomas do curso de agricultura
- Que organiza Inorde e Cáritas Ourense
A xerente do Inorde, Emma González, e a coordinadora de Programas de Cáritas Ourense, Mª Carmen Alonso, acompañadas por persoal técnico do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, participaron na clausura e entrega de diplomas do curso de actividades básicas en agricultura que desde hai nove anos desenvolven conxuntamente ambas entidades.
A xerente do Inorde destacou a importancia de manter esta actividade formativa “que nos permite dotar ao alumnado de ferramentas técnicas e sociais, necesarias para a realización de traballos de apoio a un sector que na comarca da Limia logra a súa máxima expresión e que cada vez está máis necesitado de man de obra cualificada”.
Esta actividade formativa nace da vocación de apoio social que ambas dúas institucións perseguen para lograr unha maior integración dos colectivos en risco de exclusión. Nesta edición do curso “pasaron por esta formación ao longo destes meses 14 persoas, das cales dúas delas lograron incorporarse ao mundo laboral”, destacou no acto Mª Carmen Alonso, quen destacou “a capacidade de acompañamento do persoal do Inorde”, afirmando que “sen a súa implicación e traballo sería imposible desenvolver esta actividade tan importante para o sector, e máis nesta zona agrícola de referencia na provincia de Ourense”.
As actuacións realizadas no presente ano seguen o modelo iniciado na pasada campaña, segundo o cal, ademais de dotar de recursos técnicos aos participantes en materia de agricultura, procurouse ofertar unha formación específica centrada na alfabetización básica a cargo de profesionais de Cáritas Ourense.
Así mesmo, o alumnado recibiu formación en relación ós labores de plantación dos diversos cultivos, ao tipo de sementes e plantas máis cultivadas na zona, ás prácticas de fertilización e abonado sostibles e respectuosas co medio natural, á rega e á instalación de material de rega, ao coidado de cultivos en relación ás pragas e enfermidades, á recolección e aos traballos a ela asociados e aos traballos de almacén. Toda a formación caracterizouse por ser eminentemente práctica a cargo do persoal do Inorde que dotou ao alumnado de coñecementos e ferramentas básicas necesarias para prestar traballos de apoio en calquera explotación agrícola da provincia.
Cabe destacar, así mesmo, que as producións de todos os cultivos sobre os que pivotaron as actividades formativas son destinados a labores de apoio social para servir de produto fresco a comedores sociais, a parroquias asociadas a Cáritas Ourense, así como a outras institucións como o Banco de Alimentos de Ourense.