Entrega da X edición dos Premios Bacelos de Prata ás adegas ‘Arco da Vella’ e ‘Terra de Asorei’, en Ribadavia
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, participou esta mañá na entrega dos décimos Premios Bacelos de Prata ás adegas ‘Arco da Vella’,da zona do Ribeiro, e ‘Terra de Asorei’, do Salnés, nun acto que tivo lugar no Pazo dos Ulloa, en Ribadavia, e que tamén contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Na súa intervención Vázquez Abad subliñou que os adegueiros galardoados nesta edición representan “un compromiso patente coa lingua e coa empresa en Galicia”. O conselleiro loou que un sector empresarial tan relevante na nosa comunidade como é o vitivinícola decidira, hai uns anos, lanzar os seus produtos ao mercado etiquetados en galego. “E grazas a esa iniciativa empresarial que seguiron un non pequeno número de empresas do sector –explicou–, o galego está presente nas mesas de fogares e restaurantes de medio mundo”.
Para o conselleiro, este tipo de decisións empresariais demostran que a lingua galega “lonxe de ser un atranco para a actividade comercial, constitúe un valor engadido para as empresas que deciden incorporala á súa estratexia de vendas”. “De feito –afirmou– en Galicia a lingua é un factor non carente de importancia para os consumidores á hora de decidírense por un ou outro produto dispoñible no mercado”.
A este respecto Xesús Vázquez Abad asegurou que, xunto coa calidade e autenticidade dos produtos que se ofrecen, a lingua estase a presentar como “un elemento máis que ratifica a denominación de orixe”.
O conselleiro expresoulle os parabéns aos galardoados así como a súa gratitude por actuar con “responsabilidade social” respecto ao territorio do que forman parte, por crear riqueza partindo dunha tradición secular vitivinícola e por considerar que “a lingua propia de Galicia debe e pode ser vehículo para o negocio e peza importante no proceso de pasarmos con éxito da tradición á modernidade”, concluíu.