Entidade asociativa para potenciar proxectos estratéxicos na Baixa Limia
- A Deputación e os concellos da Baixa Limia estudarán a creación
- Manuel Baltar e os alcaldes e alcaldesas de Bande, Muíños, Lobios, Entrimo e Lobeira impulsarán unha iniciativa “que dea resposta á visión de comarca coa que todos estamos comprometidos”
- O presidente provincial anunciou unha subvención de 9.000 euros para cada concello -incluído Calvos de Randín- co fin de que podan abrir durante tres meses a rede de centros de Portas do Xurés. Disporán doutra axuda individual de 10.000 euros para financiar as actividades do proxecto Xurés Experience
- Na xuntanza reafirmouse o compromiso coa demanda da prolongación da autovía AG-31 ata a fronteira con Portugal e o apoio da Deputación, desde a vicepresidencia de Femembalses, a adopción de cambios normativos e mecanismos compensatorios “para que o impacto económico dos encoros nesta zona tamén repercuta nos concellos”
A Deputación de Ourense e os concellos da Baixa Limia estudarán a posta en marcha dunha entidade asociativa “que dea resposta á visión de comarca coa que todos estamos comprometidos e facilite o desenvolvemento de proxectos estratéxicos”, anunciou o presidente provincial, Manuel Baltar, ao remate do encontro que no Balneario de Lobios mantivo cos alcaldes e alcaldesas da comarca: Sandrá Quintas (Bande); Plácido Álvarez (Muíños); Ramón Alonso (Entrimo); María del Carmen Yáñez (Lobios); e o concelleiro Antonio Regueira, en representación de Lobeira.
Manuel Baltar cualificou de satisfactoria unha reunión “na que se puxo de relevo a necesidade de traballar conxuntamente”, o que se reflicte nas conclusións da xuntanza, entre as que destacan cinco cuestións relacionadas co turismo, a promoción de actividades, infraestruturas, economía e termalismo.
O primeiro dos asuntos esta relacionado coa apertura da rede de Portas do Xurés, constituída por seis centros de interpretación do parque natural, incluído tamén o situado en Calvos de Randín. O presidente provincial, que se comprometeu a buscar a través do Inorde unha fórmula estable para manter a apertura destes centros, avanzou que na modificación de créditos que se presentará ao pleno o de abril se incluirá unha subvención nominativa de 9.000 euros a favor de cada un dos seis concellos, “co fin de garantir que estas oficinas estean abertas aos visitantes alo menos durante 3 meses, do 15 de xuño ao 15 de setembro”.
Por outra banda e xa centrados nos cinco municipios que conforman a Baixa Limia, Manuel Baltar informou que en tanto non se constitúa a entidade asociativa acordada a Deputación consignará na citada modificación de créditos unha partida de 50.000 euros -10.000 para cada concello- destinados a financiar as distintas actividades culturais, deportivas e recreativas que forman parte do proxecto Xurés Experience, apoiado xa no seu momento polo goberno provincial.
Reivindicación da prolongación da autovía AG-31 ata a fronteira con Portugal
A xuntanza tamén serviu para reforzar o compromiso coa iniciativa política aprobada pola corporación provincial no último pleno para a prolongación da autovía AG-31 ata a fronteira con Portugal. Unha infraestrutura “longamente demandada e que todo o mundo apoia desde hai tempo polo seu carácter estratéxico”, afirmou Manuel Baltar, e que na actualidade ten “unha posibilidade real no escenario financeiro dos fondos Next Generation”.
A esta reivindicación engadiuse unha segunda demanda relacionada cos encoros existentes na comarca e os concellos afectados, tendo en conta ademais que a Deputación de Ourense ocupa a vicepresidencia da Federación Nacional de Asociacións e Municipios con Centrais Hidroeléctricas e Encoros (Femembalses). Así acordouse impulsar a redacción dunha moción para presentar nos concellos da comarca, “e que tamén apoiaremos desde a Deputación, para defender os cambios normativos que procedan e os mecanismos compensatorios que se determinen” para que o impacto económico deses encoros tamén repercuta nos concellos.
Por último, no encontro falouse tamén do ámbito termal, “e mellor que nesta comarca non está fundamentada a nosa aposta polo termalismo”, asegurou o presidente. Antes de que remate abril, sinalou Manuel Baltar, a xerente do Inorde, Emma González, convocará unha reunión de traballo cos alcaldes e alcaldesas para explicar os detalles de dous proxectos estrela da Deputación neste ámbito: o Plan de Sostibilidade Turística “Ourense Provincia Termal” e o proxecto Destino Turístico Intelixente, este último onde Ourense é unha das catro provincias que o conseguiu e que se implantará neste ano.