Enogastronomía: produto diferencial de Galicia e reclamo turístico de calidade

  • Nava Castro avoga pola enogastronomía como produto diferencial de Galicia e reclamo turístico de calidade
  • A directora de Turismo de Galicia participou nas V Xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño de Galicia que esta fin de semana se desenvolven nas Rías Baixas e no Ribeiro
  • A actividade tamén se celebrará os días 28 e 29 deste mes nos itinerarios de Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras
  • O visitante poderá acceder de forma gratuíta as adegas das cinco denominacións de orixe galegas e desfrutar dun amplo programa de actividades nos máis de 100 establecementos participantes
Cartel V Portas Abertas Valdeorras

Cartel V Portas Abertas Valdeorras

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, avogou pola enogastronomía como produto diferencial da Comunidade debido á súa calidade e á súa capacidade de ser un grande atractivo turístico. Nava Castro fixo onte estas declaracións durante a súa visita ao Pazo de Rubiáns, unha das adegas participantes na quinta edición das Xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño de Galicia que se poñían en marcha esta fin de semana nas denominacións de orixe das Rías Baixas e do Ribeiro.

Segundo explicou, Galicia é a primeira Comunidade en canto a certificacións de Q Calidade no sector do turismo industrial, cun total de 13 adegas certificadas, por riba de comunidades cunha gran tradición vitivinícola como son A Rioxa ou Castela e León. Por iso, animou a todos os galegos e turistas a coñecer as diferentes adegas e o viño galego a través desta iniciativa, que tamén permite descubrir outros recursos da terra como a paisaxe, a etnografía ou o patrimonio.

A actividade terá continuidade a vindeira fin de semana, días 28 e 29 de maio, nos itinerarios de Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras. Deste xeito, o visitante poderá acceder de xeito gratuíto e guiado ás adegas das cinco denominacións de orixe de Galicia e realizar un completo programa de enoturismo nos máis de 100 establecementos participantes.

Nava Castro subliñou que se trata dun evento integrador excepcional ao ser Galicia a única comunidade autónoma española que ofrece unha promoción conxunta dos seus territorios vinícolas.

Amplo programa de actividades
Ademais das visitas a adegas e a museos do viño e das catas, numerosos restaurantes de cada unha das zonas ofrecen dous menús elaborados especialmente para a ocasión, que inclúen un primeiro e un segundo prato, acompañados de viño da correspondente denominación de orixe, e sobremesa. Tamén se ofrecen menús infantís para nenos menores de 12 anos.

Así mesmo, o visitante pode coñecer as distintas zonas de produción vitivinícola mediante rutas monumentais, paseos en barca, trens turísticos e outras iniciativas acompañadas de descontos en aloxamentos e outros eventos relacionados co mundo do viño.

Para achegarse ás diferentes bodegas participantes, ao igual que en anteriores edicións, está en servizo o Bus do Viño. Deste xeito, os participantes poden vivir a experiencia con total comodidade e despreocupación.

También te podría gustar...