En prol de consultar e desbotar falsas crenzas sobre a incontinencia

  • A Unidade Funcional de Intontinencia chama a desbotar falsas crenzas e anima aos pacientes a consultar o seu problema
  • Na Semana Internacional da Continencia os profesionais queren promover o coñecemento deste problema que conta cunha óptima resposta asistencial desde Ourense
  • A incontinencia é aínda pouco diagnosticada e tratada pese a afectar ao 60% dos maiores de 60 anos de ambos sexos que, por reparo ou vergoña, non o consultan
  • O CHUO conta desde 2014 cunha Unidade Funcional e Reconstrutiva de Incontinencia Urinaria que oferta unha carteira de servizos completa con solucións adaptadas a cada caso

 

SERGASOs profesionais da Unidade Funcional de Incontinencia, do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, súmanse á conmemoración da Semana Internacional da Continencia, co obxectivo de animar aos pacientes, que sofren esta problemática, a desbotar falsos mitos ou reparos para procurar axuda médica e solucións desde a rede sanitaria pública de Ourense.

Pese as falsas crenzas, a incontinencia urinaria afecta tanto a mulleres -como complicación derivada do embarazo e o parto- como a homes, sendo neste último caso unha complicación común do tratamento cirúrxico sobre a próstata ou a uretra, especialmente na prostatectomía radical, afectando a entre o 8 e o 10% dos pacientes operados.

Pese a non ser un problema exclusivo da idade avanzada, afecta ao 60% dos maiores de 60 anos, de ambos sexos, o que representa unha alta incidencia provincial, tendo en conta que o 30% da poboación de Ourense ten mais de 65 anos. Pese a elo, tan só 4 de cada 10 se atreven a consultalo, debido fundamentalmente ao reparo ou vergoña, asumíndoo como unha consecuencia “normal” do envellecemento. Por elo a incontinencia é aínda está pouco diagnosticada e tratada no noso entorno.

Fonda problemática anímica e social

A incontinencia provoca múltiples consecuencias físicas, como problemas de pel ou infección de ouriños, pero tamén un importante deterioro da calidade de vida, como perda de autoestima, depresión ou cambio de hábitos diarios para evitar certas actividades.

A clave esta en realizar unha adecuada valoración da incontinencia, xa que non todos os tipos de perdas son iguais, non é o mesmo perder ouriños ao tusir, espirrar, correr ou realizar outras actividades (Incontinencia de esforzo) que, cando se perde coa aparición dun desexo súbito que é imposible pospoñer (incontinencia de urxencia), tamén poden coexistir ambos tipos nunha mesma persoa, ou mesmo outras formas de incontinencia.

Consultar o problema na procura de solución

A correcta valoración da incontinencia garante os mellores resultados en canto ao tratamento. En moitos casos, só coa valoración en consulta, a entrevista clínica e o exame físico, pode ser suficiente para iniciar un tratamento adecuado. Nalgunhas nalgunhas ocasións é necesario realizar outras probas, como un estudo urodinámico, ou estudo funcional do comportamento da vexiga. Todas elas con plena implantación na rede pública sanitaria de Ourense.

O tratamento debe axustarse a cada paciente. Así, as veces, pode ser paliado ou resolto con sinxelas medidas xerais, ou cambios en certos hábitos de vida, pero tamén con exercicios de fortalecemento do chan pélvico; tratamento farmacolóxico ou incluso, cando esta indicado, mediante diferentes opcións cirúrxicas.

En todo caso, o primeiro paso na procura de solucións é asumir o problema e consultalo, non hai motivo para a vergoña nin se pode asumir como normal o uso de absorbentes. Mostra da magnitude desta situación é que, só en Galicia, o gasto anual nestes produtos hixiénicos ascende aos 25 millóns de euros por ano.

Unidade Funcional de Incontinencia Urinaria de Ourense

A Unidade Funcional e Reconstrutiva de Incontinencia Urinaria, creada en 2014, que coordina o Dr. Carlos Müller Arteaga, do servizo de Uroloxía do CHUO, está formada por un equipo multidisciplinar dos Servizos de Uroloxía, Xinecoloxía e Rehabilitación, que teñen por obxectivo fundamental o diagnóstico e tratamento deste problema.

O protocolo implantado en Ourense para seu manexo integral, iníciase nas consultas de Primaria, Uroloxía ou Xinecoloxía, desde onde se deriva ao paciente a Unidade de Uroloxía Funcional, onde lle realizan a totalidade de estudos para diagnóstico, e se indica o mellor tratamento a cada caso.

Os tratamentos van desde os fármacos á rehabilitación, servizo este último onde, desde hai un par de anos, constituíuse un equipo específico para estas terapias, con grandes resultados, especialmente na muller, co emprego de distintas técnicas e exercicios, como biofeedback e electro-estimulación.

Cando é preciso, os pacientes son derivados a Uroloxía, onde tamén se aplican procedementos de cirurxía minimamente invasiva e, no caso dos homes, implantación de próteses adecuadas ao nivel de perdas. Neste mesmo servizo, realizase desde fai dous anos un tratamento con Botox na vexiga. Os resultados, nestes dous primeiros anos, son moi positivos con un importante grao de satisfacción dos pacientes.

También te podría gustar...