Empresarios do norte de Chile coñecen o Programa de Termalismo Saudable
- Empresarios de Chile coñecen na Deputación o Programa de Termalismo Saudable
O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, recibiu onte no Pazo Provincial, a catro empresarios do norte de Chile, concretamente da Rexión de Tarapacá, que se atopan en Galicia para formarse en materia de termalismo, a través de termatalia. Por elo, na xuntanza o vicepresidente da Deputación de Ourense explicoulles o programa de termalismo saudable do goberno provincial, así como do resto de iniciativas que impulsa a institución para poñer en valor o potencial turístico termal da nosa provincia.
Rosendo Fernández dixo na xuntanza que «Ourense, a provincia termal», enmárcase dentro do «termalismo social», e oferta estancias de 6 días/5 noites nos balnearios de Ourense en réxime de pensión completa, con 10 tratamentos termais e coa posibilidade de realizar o desprazamento en tren, «unha estratexia de cooperación no ámbito público e o sector privado», sinalou Rosendo Fernández.
Os empresarios de Chile do sector termal que, participan esta semana nunha misión de capacitación en distintos centros de Galicia, son tres deles, directores de pequenos hoteis con augas termais e un touroperador «Desierto Termal», procedentes de Termas de Mamiña, na Rexión de Tarapacá.
Durante a súa estancia realizarán varios cursos de capacitación termal impartidos por expertos na materia en Galicia, así como visitas ás distintas áreas termais de Ourense e centros como o Balneario de Laias, o Centro de Adestramentos de Remos de Laias, Arnoia e Castrelo, e a Ribeira Sacra, entre outros.