‘Empoderamento e Activación para o Emprego’ en Ourense e O Carballiño
- A asociación ACADAR promove a autonomía persoal de mulleres con discapacidade de Ourense e O Carballiñoasociación ACADAR promóvea
- Será a través do programa ‘Empoderamento e Activación para o Emprego’ que desenvolve a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) a través dun convenio entre Fundación ”la Caixa” e COCEMFE
- Este programa incluirá itinerarios de inclusión sociolaboral personalizados e actividades grupais axustadas aos intereses e necesidades das mulleres con discapacidade
- As mulleres con discapacidade que queiran formar parte deste programa poden contactar coa asociación
A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) levará a cabo este ano un programa de atención especializada dirixido a mulleres con discapacidade dos concellos de Ourense e O Carballiño.
Este programa, denominado Empoderamento e Activación para o Emprego e que promove a Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), entidade da que forma parte ACADAR, e financia Fundación ”la Caixa”, pretende ser un recurso de apoio e motivación no proceso de inclusión laboral das mulleres con discapacidade.
Desenvolverase a través de itinerarios personalizados de inclusión sociolaboral e actividades grupais de empoderamento, habilidades prelaborais e alfabetización tecnolóxica, ao mesmo tempo que se loita contra as múltiples discriminacións que afectan ás mulleres deste grupo social e se promove a súa participación en todos os aspectos da vida.
Durante o ano pasado neste programa de Empoderamento e Activación para o Emprego participaron 88 mulleres con discapacidade que se atopaban en situación de desemprego, que necesitaban mellorar as súas condicións laborais e/ou que se atopaban nunha situación de maior vulnerabilidade.
“Dende ACADAR, temos como prioridade a defensa dos dereitos das mulleres con discapacidade cara a súa participación en todos os ámbitos da sociedade” afirma a presidenta de ACADAR, Mónica Álvarez, destacando a necesidade de “facer fronte ás discriminacións que lles afectan en diferentes áreas da súa vida, especialmente naquelas esenciais para a construción dun proxecto de vida propio, como é o caso do acceso e permanencia no mercado laboral“
As mulleres con discapacidade interesadas en participar, poden poñerse en contacto coa técnica do programa, Diana Valeiras Carreiro, a través do correo electrónico igualdad.ourense@cocemfe.es ou no teléfono 617 101 436.
Este programa atópase dentro do plan de COCEMFE para o cumprimento da Axenda 2030 e do compromiso de ACADAR para contribuír ao seu cumprimento, concretamente co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible de igualdade de xénero (ODS 5), para o que é imprescindible acabar coa discriminación e a vulneración de dereitos sociais, económicos, civís e políticos ás que se enfrontan as mulleres e nenas con discapacidade.
A Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica ( COCEMFE) é unha ONG sen ánimo de lucro constituída en 1980. O seu propósito é conseguir unha sociedade inclusiva que garanta o exercicio pleno dos dereitos das persoas con discapacidade física e orgánica. Coordina, representa e impulsa ao Movemento Asociativo de persoas con discapacidade física e orgánica en España, formado por 91 entidades estatais, autonómicas e provinciais, que á súa vez representan a máis de dous millóns e medio de persoas con discapacidade e aglutinan a máis de 1.600 asociacións.