A escritora coruñesa Eli Ríos gaña o XII Premio Pura e Dora Vázquez de Narración coa obra Bicha

Cartel-XII-Premio-Pura-e-Dora-Vázquez

 

A escritora coruñesa Eli Ríos (Londres, 1967) coa obra Bicha (presentada baixo o lema “Pumuqui”), foi a gañadora da XII edición do «Premio Pura e Dora Vázquez de Narración», dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense. O xurado deu a coñecer o fallo esta mañá trala reunión mantida no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da Deputación de Ourense, destacando da obra premiada “o atractivo dos seus personaxes para o lector e a importancia que o relato da a amizade entre nenos e animais, ademais de axeitarse perfectamente para ser ilustrada dentro do espírito do premio”. De todos os textos presentados ao premio, o xurado destaca a gran calidade literaria e salienta a dificultade que isto supuxo na elección. A gañadora foi seleccionada de entre dúas obras que competiron ata o final, sendo elixida finalmente Bicha por maioría.

Reunión.xuradoXII.Premio.Pura.e.Dora.Vázquez.de.narracion

 

Segundo as normas do premio, a obra gañadora será enviada aos interesados en participar no «XII Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración», para o cal a Deputación de Ourense abre a convocatoria para este certame dende hoxe. A esta modalidade de ilustración poderán concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais que se axusten ás bases do premio e que tomen como base o texto premiado de Eli Ríos. Nesta modalidade establécese un premio de 1.500 euros, e os traballos terán que estar presentados antes do 30 de marzo de 2015.

O xurado do «XII Premio Pura e Dora Vázquez de Narración» estivo presidido por Avelino García Ferradal, deputado de Cultura da Deputación de Ourense, e integrado como vogais por José Manuel Fernández López, María Rosa González Méndez, Franci Stella Estrada Mosquera e Xosé Manuel Cid Fernández, actuando como secretaria Ana María Malingre Rodríguez.

Eli Ríos (Londres, 1967), filla de emigrantes, nace en terras londinenses pero logo se traslada a unha pequena aldea de Ordes, onde pasa a súa infancia. As inquedanzas culturais levarana, xa de maior, a realizar un percurso por lugares da lusofonía como Portugal, Açores e Cabo Verde, até asentarse definitivamente na Coruña. É, entón, cando comeza a afianzar proxectos como contacontos infantís, recitais ou obradoiros literarios así como a publicación dos poemarios Nós escoitando o badalo de marienplatz ( XII Premio de poesía Concello de Carral, 2009), Rúa da Cancela (obra colectiva que acadou o IV Certame de poesía erótica Illas Sisargas, 2009), Maria (I Premio de Poesía Figurante, 2013), Anamnese (II Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey, 2014), Doe tanto a túa ausencia (XVIII Certame Francisco Añón de Poesía, 2014) e Diario de fotogramas (2º premio do  I Concurso de Poesía “Centro Recreativo de Artes”, Ribeira, 2014).

En narrativa resultou gañadora do Premio Modesto R. Figueiredo en 2014, por Remexido de patacas. Actualmente colabora co xornal Sermos e como crítica literaria na revista dixital A Sega.

También te podría gustar...