‘El Sabor de Galicia’ en México

Turismo de Galicia promove a gastronomía galega en México coas xornadas divulgativas ‘El Sabor de Galicia’.

  • Turismo de Galicia colabora coa Oficina de Turismo de España en México D.F. na organización destas xornadas que mostran ao logo do mes de novembro a mellor gastronomía galega
  • O cociñeiro do Grupo Nove Iñaki Bretal impartirá un curso de elaboración de pratos galegos e elaborará degustacións para o público asistente
  • O mercado americano representa o 18,4% do total da demanda internacional a Galicia, segundo os datos do INE

Turismo de Galicia promoverá en México ao longo deste mes de novembro a mellor gastronomía galega dentro do evento ‘El Sabor de Galicia’, organizado en colaboración coa Oficina de Turismo de España en México D.F e o establecemento hostaleiro ‘La Hacienda de los Morales’.

Esta iniciativa para difundir os valores da cociña galega neste país americano conta coa participación do chef pertencente ao Grupo Nove Iñaki Bretal, que ao longo das xornadas nas que se desenvolverá a promoción impartirá un curso de elaboración de pratos galegos destinados aos cociñeiros locais, así como a outras persoas interesadas na gastronomía.

Durante o desenvolvemento deste evento, ademais, o chef galego cociñará para os clientes deste restaurante e as persoas interesadas na gastronomía galega.

‘El sabor de Galicia’ inaugurouse en ‘La Hacienda de los Morales’, situada en Ciudad de México, e contou coa asistencia de preto de 100 persoas, entre os que se atopaban xornalistas especializados en gastronomía, restauradores mexicanos, críticos gastronómicos e autoridades turísticas do país americano.

229-pulpo-a-lo-pelayo-4844-xl-668x400x80xX-e1362876133318

 

Produto turístico
A gastronomía tense convertido en Galicia nun dos seus principais produtos turísticos polo que Turismo de Galicia fai especial fincapé na súa promoción.

Así, a través do seu Plan Integral, Turismo de Galicia deseñou distintas accións de organización e promoción, ao obxecto de difundir os valores turísticos de Galicia tanto no eido nacional como internacional.

Neste Plan detállanse, entre outras accións, a organización de eventos e xornadas, a asistencia a feiras especializadas o apoio á comercialización da gastronomía galega, a organizacións de viaxes para xornalistas e axentes de viaxes especializados, o apoio ao asociacionismo ou a promoción da cociña galega en publicacións tanto xerais como específicas.

No que atinxe á promoción do asociacionismo e a difusión dos valores gastronómicos de Galicia cabe salientar o acordo asinado entre Turismo de Galicia e o Grupo Nove para promover en España e no estranxeiro a cociña galega.

Neste eido, o día 25 deste mesmo mes de novembro a cidade de Santiago de Compostela acollerá a Gala Estrellas Michelin España e Portugal 2016, na que se darán a coñecer os restaurantes que poderán gozar deste prestixioso distintivo o vindeiro ano e que, sen dúbida, constituirá un escaparate de primeiro nivel para a gastronomía e o turismo de Galicia.

Demanda turística americana
Polo que respecta á demanda turística do mercado americano cara a Galicia, esta experimenta neste ano 2015 -ata o mes de setembro- un comportamento positivo en Galicia, con incrementos importantes tanto da cifra de viaxeiros aloxados como das pernoitas.

O mercado americano, en global, representa o 18,4% do total da demanda internacional de Galicia neste período, cifra que se reparte entre o 7,3% de EE.UU. e o 11,1% dos restantes países.

También te podría gustar...