‘El Camino with my donkey’ en Folgoso
- O Concello de Folgoso do Courel acolle a rodaxe dun documental sobre o Camiño a Santiago
- O filme titúlase ‘El Camino with my donkey’ e conta a historia dun xornalista irlandés que fai o Camiño de Santiago na compaña dun burro
A produtora Villa Lunera Films gravou en localizacións como Froxán, a fervenza de Rexío, Seceda ou Meiraos - A alcaldesa do Courel, Lola Castro, saúda a iniciativa como “unha maneira máis de seguir promocionando o noso Concello e o Xeoparque Montañas do Courel a nivel turístico a través dun proxecto que pretende unha importante repercusión a nivel internacional”
O Concello de Folgoso do Courel acolle estes días a rodaxe de ‘El Camino with my donkey’, unha serie documental para plataformas de contidos (Netflix, Amazon, Movistar+…) de ámbito global producida por Villa Lunera Films na que un xornalista irlandés decide dar un xiro á súa vida e toma a decisión de facer o Camiño de Santiago en compañía dun burro.
Os escenarios elixidos para a rodaxe no Concello de Folgoso do Courel foron varios: Froxán, a fervenza de Rexío, Seceda ou Meiraos, entre outros.
A gravación da serie rematará previsiblemente a mediados do mes de xullo, cando os protagonistas, tras chegar a Santiago de Compostela, dean por rematada a súa viaxe en Fisterra. Haberá que agardar ata finais de ano ou principios do 2022 para o seu estreo a nivel internacional.
No documental de tres capítulos, gravado en inglés, pero respectando o idioma das persoas coas que os protagonistas se van atopando polo camiño, recórrense tres rutas distintas de peregrinación: o Camiño Francés ( Irún – Santander e León – Ponferrada), a ruta Lebaniega (Santander – Asturias) e a totalidade do Camiño de Inverno.
O proxecto ten como foco a promoción do turismo estranxeiro no Camiño de Santiago tras a pandemia. O proxecto audiovisual amosará as sendas e os pobos polos que se atravesa cuns altos valores cinematográficos que axuden a resaltar a magnitude da beleza, tanto cultural, como natural das zonas rurais do Camiño dando prioridade a aqueles camiños menos transitados como é o Camiño de Inverno, así como outros sendeiros esquecidos.
Co enfoque documental pretenden axudar na promoción turística das zonas de gravación a través da interacción coa xente que vive nelas, a gastronomía da terra, a cultura e a historia dos pobos polos que pasan.
A historia
A historia esta baseada no libro ‘Spanish Steps, travels with my donkey´ de Tim Moore. A formulación inicial é para tres episodios de 52 minutos, en formato documental participativo, onde a historia será contada a través das experiencias do protagonista.
Spanish Steps é a historia do Camiño. De como transforma ás persoas que o percorren, pero é tamén a historia dun home e un burro; da relación entre o homo sapiens e a besta na natureza. A través do seu esforzo, o seu traballo en equipo e tamén da súa amizade. Pois, irremediablemente, Brendan e o burro irán creando un vínculo emocional cada vez maior a medida que avancen no seu camiño cara a Santiago.
A alcaldesa do Courel, Lola Castro, saúda a iniciativa como
unha maneira máis de seguir promocionando o noso Concello e o Xeoparque Montañas do Courel a nivel turístico a través dun proxecto que pretende unha importante repercusión a nivel internacional.