Economía: medra un 0,8% no segundo trimestre no maior ritmo de crecemento dos últimos oito anos
- A economía galega medrou un 0,8% no segundo trimestre e acada o maior ritmo de crecemento dos últimos oito anos
- O PIB autonómico avanza a unha taxa anual do 3%, a máis elevada dende o primeiro trimestre de 2008
- O crecemento rexistrado foi unha décima superior ao do primeiro trimestre, segundo as contas publicadas hoxe polo Instituto Galego de Estatística
- O consumo dos fogares medrou un 2,9% e as exportacións máis dun 5%
- Todos os sectores da economía galega continúan en taxas positivas
A economía galega medrou un 0,8% no segundo trimestre do ano, unha décima máis que o trimestre anterior, e acadou un ritmo de crecemento interanual do 3%, o máis elevado dende os primeiros meses do ano 2008, segundo reflicten as contas económicas trimestrais publicadas polo Instituto Galego de Estatística (IGE).
O crecemento do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia no segundo trimestre do ano é unha décima maior que o rexistrado no primeiro trimestre, que fora do 0,7%. Ademais, o avance da economía galega entre abril e xuño iguala o crecemento trimestral da economía española, segundo os datos publicados esta mañá polo Instituto Nacional de Estadística (INE).
Deste xeito, a economía galega medrou no segundo trimestre un 3% respecto ao mesmo trimestre do ano anterior, unha décima máis que no primeiro trimestre. Esta taxa de crecemento interanual do PIB autonómico é a máis elevada dende o primeiro trimestre do ano 2008. Ademais, a economía galega encadea 11 trimestres consecutivos de crecemento.
Máis consumo e exportacións
Ademais, os datos do IGE mostran que o consumo dos fogares galegos segue aumentando e xa crece un 2,9%, mentres que as exportacións tamén aumentan un 5,3%. Ademais, todos os sectores da economía galega continúan en positivo, tanto o sector servizos (3,4%) como a construción (2%), o sector primario (1,3%) e a industria (1,2%), cun avance maior da industria manufactureira, que crece un 2%.
En termos de emprego, o número de postos de traballo a tempo completo medrou en Galicia un 1,8% sobre o mesmo trimestre do ano anterior. Neste eido destaca o incremento do emprego no sector primario (5,0%) e na industria manufactureira, que medrou un 3,0%.