Economía e Industria destaca en Ourense as vantaxes da eficiencia enerxética como factor de mellora competitiva para as empresas

image_gallery

O director do Igape, Javier Aguilera, salientou onte en Ourense a importancia de que as empresas galegas aposten pola eficiencia enerxética como factor relevante para a mellora competitiva e para avanzar no desenvolvemento da industria 4.0., que busca a Axenda da Competitividade que acaba de aprobarse.

Durante a súa participación nunha xornada específica organizada pola Confederación Empresarial de Ourense (CEO) no marco do proxecto europeo Entic, que lidera o Igape e no que participa tamén o Inega, Javier Aguilera destacou que este ámbito de cooperación, no que participan entidades de Galicia e Portugal, xa serviu para achegar asesoramento especializado a arredor de 40 empresas.

A xornada sobre eficiencia enerxética desenvolvida hoxe en Ourense, que contou con exemplos prácticos de empresas que destacan neste ámbito, abre paso a un curso centrado na capacitación de profesionais en xestión enerxética das Pemes, aberto a profesionais e empresarios de todos os sectores de actividade e que contará con sesións presenciais e en liña.

O director do Igape salientou tamén que, no ámbito do proxecto Entic, representantes de arredor de vinte compañías de toda Galicia están seguindo en Santiago un curso específico –o primeiro no marco da chamada Industria 4.0– sobre a incorporación de aplicación TIC centradas na sensorización e a monitorización para mellorar a eficiencia enerxética das compañías.

Entre outros servizos para impulsar a eficiencia enerxéticas das empresas, o proxecto Entic está a servir para habilitar un directorio de empresas que prestan os seus servizos especializados neste ámbito. O proxecto Entic servirá, así, para apoiar a transición das pemes cara a modelos enerxéticos sostibles baseados nas TIC, estimulando ao mesmo tempo novas oportunidades de negocio e emprego neste eido.

No proxecto Entic participan, ademais do Igape e do Inega, o Instituto Tecnolóxico de Galicia, a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), a Agência de Energia do Ave (AEdoAVE), o Instituto de Engenharia Mecânica e Gestão Industrial (INEGI), a União das Associações Empresariais da Região Norte (UERN) e a Associação Empresarial de Viana do Castelo (AEVC).

También te podría gustar...