Economía e Industria achega ás empresas ourensás os instrumentos de financiamento do programa Galicia 1000
Responsables do Igape achegarán mañá ás empresas e emprendedores ourensáns os diferentes instrumentos de financiamento a proxectos empresariais activados pola Consellería de Economía e Industria ao abeiro do programa Galicia 1000.
No marco da xornada Aprende a financiarte ¬–que se desenvolverá a partir das 9 horas–, organizada pola Cámara de Comercio de Ourense, responsables do Igape informarán polo miúdo sobre este paquete integral de financiamento posto en marcha pola Xunta, que ten como obxectivo de dar resposta ás distintas necesidades das pemes en función da súa situación. O programa, que inclúe préstamos bancarios bonificados ou avalados, préstamos directos, préstamos participativos e capital risco, está dotado con 70 millóns de euros e ten capacidade para mobilizar 300 millóns de euros en proxectos empresariais.
Neste senso, os técnicos do Igape informarán sobre ferramentas como os préstamos directos con fondos Jeremie, de ata 1,8 millóns de euros, con prazos de amortización de ata 11 anos e con xuros máximos que poderán quedar por baixo do euríbor máis 0,4%.
Tamén se explicarán nesta xornada técnica as características do programa de microcréditos aos emprendedores, autónomos e microempresas, co que poden conseguir préstamos de ata 25.000 euros con xuros bonificados para financiar os seus investimentos ou circulante para desenvolver a súa actividade. Ademais, os beneficiarios desta liña poderán contar cunha axuda financeira adicional do 15% sobre o tramo do microcrédito destinado a financiar activos fixos.
Por outra banda, as pemes poderán acceder a préstamos bonificados superiores a 25.000 euros para financiar os seus investimentos ou circulante asociado. Este ano, e en sintonía coa Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, este ano os proxectos do sector industrial –e os dos emprendedores– poderán acceder a unha bonificación adicional do 0,5%.
Ao mesmo tempo, e para cubrir as necesidades específicas de circulante das pemes, a Consellería de Economía e Industria activou, tamén a través do Igape, unha nova edición do programa Resolve, que facilitará a mobilización de préstamos bancarios –comprendidos entre 3.000 e 150.000 euros, e con prazos de amortización de ata 7 anos– avalados polas Sociedades de garantía recíproca (SGR) colaboradoras e con reaval do Igape.