Economía e Industria achega aos comerciantes e artesáns ourensáns apoios para innovar nos seus negocios
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, achegou hoxe aos comerciantes e artesáns ourensáns a nova convocatoria de axudas para impulsar a innovación e a calidade no sector comercial e artesán galego, dotado con 2,5 millóns de euros e á que se poden presentar solicitudes ata o vindeiro 11 de marzo.
Nunha xornada na que participou tamén o presidente da Federación Provincial de Comercio de Ourense, Aurelio Gómez, Vázquez Abeal salientou que, a través desta convocatoria que forma parte do programa de renovación do tecido comercial galego, os comercios e as empresas artesás poden obter axudas para a posta en marcha de novos sistemas de comercialización e información ao consumidor que combinen o comercio on line e o off line ou que impliquen a utilización das redes sociais para a venda, avanzando así na incorporación do smart commerce, baseado na interrelación co cliente.
Isto permite, tal e como explicou a directora xeral de Comercio, complementar a experiencia de compra presencial dos consumidores cos diferentes canais comerciais. Tamén se apoia a posta en marcha de novas ferramentas de xestión e melloras na presentación dos produtos, e como novidade este ano, inclúense axudas para actuacións de mellora da imaxe exterior e o acondicionamento dos establecementos comerciais.
O encontro contou coa participación da allaricense Sofía Rodríguez, da empresa The Cosmethics, e a artesá Anna Champeney, de Textiles Naturales. As dúas explicaron as súas experiencias apostando pola mellora continua dos seus negocios, a venda on line e o contacto cos seus clientes a través das redes sociais.
The Cosmethics é un negocio de cosmética natural e ecolóxica que ten unha importante parte da súa actividade no comercio electrónico. Anna Champeney, pola súa banda, é tecedora e deseñadora, residente na Teixeira, e combina a creación de pezas únicas e series limitadas de fulares e tecidos para interiores coa súa labor docente. O seu estudo é un exemplo de como unha microempresa situada no rural pode converterse nun negocio vangardista grazas á incorporación das TIC no seu traballo, tanto co programa de deseño textil en ordenador, como coa venda e promoción on line.
Axudas de ata 11.500 euros
Na convocatoria que se presentou hoxe en Ourense, e na que as empresas da provincia contarán con valoracion adicional, ademais das axudas para a posta en marcha de novos sistemas de comercialización e información ao consumidor que combinen o comercio on line e o off line ou que impliquen a utilización das redes sociais para a venda, tamén se concederán apoios para a implantación de ferramentas que melloren a xestión do negocio e o deseño dos produtos que non fosen utilizadas con anterioridade; e para o desenvolvemento e implantación de novos sistemas de packaging e etiquetado. Para estes tipos de iniciativas tanto comerciantes como obradoiros artesanais poden sumar axudas de ata 11.500 euros.
Ademais, como novidade este ano os comerciantes poden obter apoios de ata 6.000 euros para o acondicionamento do local comercial, e para medidas orientadas á mellora da imaxe exterior e a adquisición de moblaxe e equipamento.
Dentro desta orde, no marco do impulso ao asociacionismo comercial como un dos eixos da estratexia específica de apoio ao sector, con diferentes programas de apoio ao longo do ano, as federacións de comerciantes poderán optar a apoios de ata 3.000 euros para o desenvolvemento de sistemas de m-commerce (comercio a través do móbil), aplicacións e webs móbiles.