‘É necesaria unha política máis participativa, transparente, aberta e eficiente, como demandan os cidadáns’ Jiménez Asensio
- Na xornada de formación para cargos electos organizada pola Deputación de Ourense o catedrático da Universidade Pompeu Fabra falou hoxe sobre «Como gobernar un concello».
- Manuel Baltar afirmou que esta actividade «permite aos rexedores locais actualizar a súa formación coa finalidade de prestar un mellor servizo público e realizar unha mellor xestión a prol dos cidadáns».
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, inaugurou hoxe no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» a Xornada de formación para cargos electos da provincia de Ourense, na que se abordou o tema «Vademécum de política municipal. Como gobernar un concello», a cargo de Rafael Jiménez Asensio, consultor especialista en administracións públicas e catedrático da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona. O acto contou tamén coa participación do xefe de sección de Formación da Deputación de Ourense, Carlos Castiñeiras.
Jiménez Asensio Avogou pola necesidade de cambiar e facer «unha política participativa, transparente, eficiente e aberta, como demandan os cidadáns», mentres que Manuel Baltar destacou que o tema do relatorio «é de grande importancia para os rexedores locais porque lles permite dispoñer de formación actualizada e plantexar preguntas e cuestións a expertos nesta materia, coa finalidade de que os gobernantes poidan prestar un mellor servizo público e realizar unha mellor xestión a prol dos cidadáns».
O presidente do goberno provincial subliñou que nos orzamentos da institución provincial para 2016 –aprobados no pleno do pasado mes de setembro- «fixamos unha partida presupostaria denominada «Formación de cargos públicos electos locais», e lembrou que o profesor Jiménez Asensio, «xa presentara na Deputación de Ourense o «Libro verde dos gobernos locais intermedios», e hoxe presenta o seu traballo «Como gobernar un concello», na liña na que está a traballar o goberno provincial, que neste cuadrienio 2015-2019 fai unha firme aposta pola política, que se traduce en máis dotación económica e de persoal para os grupos políticos para que todos poidamos facer plantexamentos en clave provincial e sempre en positivo, e unha cuestión fundamental é a formación; hai semanas presentamos o primeiro Manual da Deputada e o Deputado Provincial que se ten publicado en España, cumprindo un compromiso feito no primeiro Debate sobre o Estado da Provincia, e onde tamén expliquei que habería dúas xornadas formativas para cargos electos».
No seu relatorio, Jiménez Asensio explicou que nuns momentos duros para a política, con moita desafección cidadá, «actos como o de hoxe, de política institucional, son de agradecer, neste caso á Deputación de Ourense e ao seu presidente, porque se trata de facer política con maiúsculas e non con minúsculas, como tiven ocasión de comprobar hoxe nunha noticia referida a esta xornada. Eu teño presentado este relatorio por todo o Estado e nunca xurdiu ningún problema», e citou como exemplo que hai dous días presentouno en Durango diante rexedores vascos de todas as cores políticas «e alí había alcaldes do PNV, de Bildu, do PP e do PSOE e non houbo ningún problema porque non se trata de falar de política no sentido ideolóxico senón institucional, poñendo en valor a importancia que teñen as institucións para o desenvolvemento da boa política, falando en positivo, co obxectivo de gañar a confianza dos cidadáns nun momento difícil para a política».