Dúas novas familias de refuxiados en Carballeda de Valdeorras
- Rey Varela enxalza a “vocación acolledora de Galicia” que ofrece “todos os recursos necesarios” aos preto de corenta refuxiados chegados á Comunidade
- Durante o I Congreso Internacional Migración e Refuxio en Europa celebrado en Lugo
- Di que estas persoas “gozan da hospitalidade galega con todas as súas necesidades sociais cubertas” e asegura que “pronto chegarán novas familias”
- Anuncia a recente chegada nesta mesma semana de dúas novas familias a Carballeda de Valdeorras (Ourense), onde se estableceu unha familia siria de 5 integrantes; e outra de orixe venezolana doutras 5 persoas en réxime de asilo que se asentou na Coruña
- Salienta a importancia e a necesidade de celebrar un simposio sobre esta materia xa que “a segunda década do século XXI caracterizarase socioloxicamente pola mobilidade poboacional”
- Cifra en 90.641 as persoas estranxeiras en Galicia “das que nos ocupamos como se foran galegos e galegas, porque tamén eles, unha vez entran a formar parte da nosa historia, contribúen a facer desta terra un lugar mellor”
O conselleiro de Política Social en funcións, José Manuel Rey Varela, asistiu onte á inauguración do I Congreso Internacional Migración e Refuxio en Europa organizado pola Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC). Alí, o máximo responsable da carteira social destacou a “vocación acolledora de Galicia” e apuntou que a Xunta de Galicia xa “coordina todos os recursos necesarios en materia de educación, sanidade e servizos sociais para as preto de corenta persoas refuxiadas” que chegaron a Galicia grazas á colaboración entre a Consellería de Política Social, o IGVS e a Cruz Vermella. “Case corenta persoas que gozan da hospitalidade galega con todas as súas necesidades sociais cubertas. De seguro que pronto chegarán novas familias”, engadiu. De feito esta mesma semana chegaron dúas novas familias a Carballeda de Valdeorras (Ourense), onde se estableceu unha familia siria de 5 integrantes; e outra de orixe venezolana doutras 5 persoas en réxime de asilo que se asentou na Coruña. Na actualidade 38 persoas refuxiadas e en réxime de asilo foron xa acollidas en Galicia: 11 delas en Carballeda de Valdeorras (Ourense), 11 en Sarria (Lugo), 11 en Vigo e outras 5 na Coruña.
Na inauguración do congreso que tivo lugar na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, Rey Varela salientou a importancia e a necesidade de celebrar un simposio sobre esta materia xa que “a segunda década do século XXI caracterizarase socioloxicamente pola mobilidade poboacional”. “Debemos estar preparados para os retos que xa están aquí, se non queremos enfermar como sociedade”, sentenciou.
No que atinxe a migración, Varela falou dun total de 90.641 persoas estranxeiras en Galicia, das cales 37.215 pertencen á Unión Europea e 53.426 son extracomunitarias, o que representa un porcentaxe do 3,32% sobre o total da demografía galega. “90.641 persoas das que nos ocupamos como se foran galegos e galegas, porque tamén eles, unha vez entran a formar parte da nosa historia, contribúen a facer desta terra un lugar mellor”, indicou.
O conselleiro en funcións rematou as súas verbas cominando aos asistentes a “abrir as nosas portas a aqueles que o precisan, ofrecer a nosa seguridade social e laboral a quen carece dela porque de seguro, recibiremos a mesma axuda que demos, pero multiplicada por cen”.