Dous millóns de euros para asociacións e concellos da provincia de Ourense
- A Xunta de Goberno da Deputación aproba axudas por preto de 2 millóns de euros para asociacións e concellos da provincia de Ourense
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada onte no Pazo Provincial aprobou axudas por importe de 1.962.296 euros destinados a asociacións e a concellos da provincia de Ourense. Así o informou esta mañá a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 6 de maio.
En concreto, a Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos de prestación de servizos sociais para o ano 2016, ás que poderán optar organizacións, asociacións ou fundacións, que teñan sede ou delegación na provincia de Ourense e que desenvolvan proxectos integramente nesta provincia e se dirixan a persoas con residencia na provincia de Ourense. A Deputación de Ourense destinará un orzamento de 260.000 euros para esta iniciativa, sendo a concesión máxima de 25.000 euros para proxectos e actividades de emerxencia social, 15.000 euros para as actividades de prestacións de servizos sociais na provincia, e 10.000 euros para as actuacións socio-demográficas na provincia de Ourense. As solicitudes deberán tramitarse a través da páxina http://programasentidades.depourense.es, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación destas bases no BOP.
Asemade, no ámbito deportivo, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 40.000 euros para a Escudería Ourense, para a celebración do Rally Ourense 2016; asemade, outra de 10.000 euros para Unión Deportiva Ourense Club Deportivo, para gastos correspondentes á tempada 2014 – 2015. E, no ámbito cultural, aprobou unha axuda para a Real Academia Galega por importe de 30.000 euros para gastos de mantemento e funcionamento da entidade correspondentes ao ano 2016.
En canto ás axudas en materia de cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou unha para o Concello de Allariz de 6.000 euros para escavacións no Castro de Armea; para o Concello de Bande aprobou tres axudas: 8.400 euros para reforma da iluminación pública na rúa Oriente, 40.000 euros para as obras de ampliación do cemiterio, e 21.768 euros para o acondicionamento do camiño no núcleo rural de Vilar. Para o Concello da Gudiña, aprobaron dúas axudas: 12.000 euros para a organización do Rally Mix 2016, e 18.782 euros para a dotación de servizos enerxéticos ao Polígono Industrial. Outra das axudas por valor de 60.000 euros foi a favor do Concello de Nogueira de Ramuín para o acondicionamento do entorno do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. Para o Concello de Porqueira, unha axuda de 27.000 euros para a adecuación da instalación eléctrica para a piscina municipal, 13.648 euros para o Concello de Riós para a iluminación pública en Valfarto, e para o Concello de Vilar de Santos, unha axuda de 12.000 euros, para gastos de funcionamento e mantemento do Museo da Limia correspondentes ao ano 2016. Por último, para o Concello de Xinzo de Limia, a Xunta de Goberno aprobou dúas axudas: unha para proxectos de dotacións artísticas nas rúas por importe de 40.000 euros, e outra para o proxecto Xinzo 5G, por valor de 16.698 euros.
Continuando no ámbito da cooperación cos concellos, na xuntanza aprobáronse os programas provinciais de cooperación cos concellos, en materia de empregabilidade, cunha contía de 860.000 euros e en materia de mocidade, cunha contía de 486.000 euros, ambos correspondentes ao exercicio 2016.