Domingos e festivos nos que os establecementos comerciais poderán abrir no 2016
O DOG publica hoxe os domingos e festivos nos que os establecementos comerciais poderán abrir no 2016.
- As 10 datas foron consultadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria coas principais organizacións representativas do comercio galego e dos consumidores
- Os concellos poden solicitar ata o 15 de novembro a modificación de ata dúas destas datas para adaptalas ás súas características
- Estes domingos e festivos non son de aplicación para o pequeno comercio, que goza de liberdade horaria
A Consellería de Economía, Emprego e Industria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia os domingos e festivos nos que os establecementos comerciais que non gozan de liberdade horaria poderán abrir ao longo do vindeiro ano 2016.
Logo da consulta previa ás principais organizacións do sector, ao Consello Galego de Consumidores e Usuarios e ao Consello Galego de Cámaras, os días de apertura, que como en anos anteriores e tal e como marca a normativa serán 10, repártense do seguinte xeito: os domingos 3 e 10 de xaneiro; o 24 de marzo, festividade de Xoves Santo; o domingo 3 de xullo; o domingo 24 de xullo, véspera do Día de Galicia; o 1 de novembro, Todos os Santos; e os domingos 4, 11 e 18 de decembro; así como o 8 de decembro, día da Inmaculada Concepción.
Calquera concello que o estime oportuno poderá solicitar ata o próximo 15 de novembro a modificación de ata dúas datas para o seu termo municipal para adaptalo aos festivos locais ou atendendo a calquera outra circunstancia motivada.
Estes domingos e festivos non son de aplicación para o pequeno comercio, xa que, con carácter xeral, poden decidir libremente o seu horario e días de apertura os establecementos de ata 300 metros cadrados, coa excepción dos que non teñan a consideración de pequena e mediana empresa.