Documental «Florencio Delgado Gurriarán do A ao Z»
CONVITE AOS CENTROS EDUCATIVOS DE GALICIA PARA SUMARSE Á ESTREA ONLINE DUN DOCUMENTAL SOBRE FLORENCIO PARA PECHAR O ANO DAS LETRAS
«Florencio Delgado Gurriarán do A ao Z», de Arraianos Producións será estreado hoxe venres 16 de decembro ás 12 da mañá con máis de douscentos escolares no cine da Rúa e en liña a través de Youtube para todo o mundo.
Remata o ano das Letras de Florencio e dende Valdeorras propoñen un plan cinéfilo para os centros educativos de toda Galicia. Hoxe venres 16 de decembro ás 12 da mañá estrearase na plataforma Youtube e tamén no Centro Cultural Avenida da Rúa o documental Florencio Delgado Gurriarán do A ao Z de Arraianos Producións. A estrea simultánea en Valdeorras e no mundo chega despois de que a película se presentase no Festival Internacional de Cine de Ourense e tamén no festival Cineuropa de Compostela.
Aser Álvarez, produtor, director e guionista do documental, estará no cine da Rúa nesta sesión matinal á que asistirán máis de douscentos alumnos e alumnas de idades comprendidas entre os 10 e os 16 anos dos centros educativos da vila. Álvarez aproveitará o encontro para conversar co alumnado sobre o proceso de realización deste documental ideado en boa medida para un público xuvenil. En canto á estrea en liña, a directora do proxecto As Letras de Florencio, Débora Álvarez Moldes, asegurou que sería un peche de ano moi especial saber «que a comunidade educativa de Galicia aproveita connosco ese último venres antes das vacacións de Nadal para despedir o ano de Florencio».
Pre-estrea da longametraxe «Florencio na Terra», de SocialDocs
Ademais da estrea do venres, o domingo ás oito da tarde haberá unha segunda convocatoria no Centro Cultural Avenida da Rúa, desta vez para a pre-estrea da longametraxe documental Florencio na Terra producida por SocialDocs e dirixida polo petinés Domingo D. Docampo. A película, gravada en Valdeorras e México e con secuencias de animación que recrean episodios da vida de Florencio, é un achegamento persoal e creativo á figura do poeta. A súa estrea oficial será durante o 2023 pero o próximo domingo xa poderemos ver un avance..
Ambos documentais contan co apoio da Deputación de Ourense e o acceso á sala é libre ata completar aforo.