«Dispoñibilidade da Xunta para abordar conxuntamente o dispositivo de emerxencias», Manuel Baltar
- Manuel Baltar valora «a dispoñibilidade da Xunta para abordar conxuntamente o dispositivo de emerxencias»
- O presidente da Deputación reuniuse hoxe en Santiago co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e cos titulares das outras deputacións galegas para analizar o tema dos consorcios provinciais contra incendios
- O presidente do goberno provincial resalta que estamos «en plena fase de constitución do Consorcio Provincial contra Incendios de Ourense», e subliñou que neste ano «deberá entrar en funcionamento o parque do Carballiño»
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe en Santiago, trala reunión mantida co vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e cos titulares das outras deputacións galegas, que valoraba positivamente «a dispoñibilidade da Xunta para abordar conxuntamente o dispositivo de emerxencias». O presidente do goberno provincial destacou que estamos «en plena fase de constitución do Consorcio Provincial contra Incendios de Ourense», e subliñou que neste ano «deberá entrar en funcionamento o parque do Carballiño».
Na reunión, abordaron a situación dos consorcios provinciais de bombeiros e estableceron un prazo dun mes para analizar a viabilidade dun cambio de sistema na prestación do servizo.
Manuel Baltar deixou constancia do bo funcionamento que este servizo público de emerxencias está a ter na provincia de Ourense, e tanto Xunta como deputacións coincidiron en que o o actual servizo de extinción de incendios e salvamento funcionou ben e foi moi positivo, aínda que tamén consideraron que aínda se pode seguir avanzando. Así, unha vez se decida se se mantén o actual sistema ou se cambia, Xunta e gobernos provinciais abordarán novos avances no modelo para completar o mapa de emerxencias e dotar de recursos que permitan completar a cobertura en toda a Comunidade.
Actualmente, hai en Galicia 24 parques comarcais de bombeiros –aos que se sumará este ano un máis en Carballiño-, espallados por toda Galicia e organizados en torno a consorcios provinciais, nos que participan a Xunta e as distintas deputacións. No eido das emerxencias, Administración autonómica, entes provincias e tamén os concellos colaboran así mesmo no mantemento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal, que recentemente veñen de ser renovados por outros tres anos.
Na súa comparecencia antes os medios, Alfonso Rueda destacou que a Xunta está disposta a estudar a posibilidade de pasar de indirecta a directa a xestión dos parques comarcais de bombeiros e recordou que esta cuestión «xa se tiña plantexado noutras ocasións con anterioridade, concluíndose entón que non era unha opción viable e que o sistema actual era o máis acaído».
En todo caso, Rueda amosou a súa disposición a explorar esta posibilidade e avanzou que Xunta e deputacións se dan un mes de prazo para analizar a súa viabilidade. En concreto, o vicepresidente quixo facer fincapé en que o fundamental para o Goberno galego é que este cambio de xestión «sexa viable xuridicamente, que non supoña un maior custe ás arcas públicas e que non represente prexuízos para os traballadores».
«Non é unha cuestión de ideoloxías», enfatizou Rueda, que salientou que o sistema actual é un exemplo de coordinación entre Administracións e que por elas teñen pasado nestes anos responsables de distintas formacións –tanto nas distintas deputacións como a nivel autonómico- e o modelo mantívose invariable.
O vicepresidente amosouse moi satisfeito coa labor que levan a cabo os bombeiros comarcais galegos e coa súa profesionalidade e incidiu na necesidade de que se salvagarde o seu emprego, xa que o paso dun sistema de xestión indirecta a un sistema directo obrigaría a convocar un concurso- oposición e non lles garantiría a súa permanencia nos seus postos de traballo.
Precisamente, neste mes de prazo unha das labores que se levará a cabo dende Xunta e deputacións é recabar informes para coñecer en que situación quedarían os bombeiros no caso de que o servizo pase a xestionarse directamente polas administracións.