Día Europeo contra a trata de seres humanos. Declaración institucional da Xunta
- DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA XUNTA DE GALICIA NA CELEBRACIÓN DO 18 DE OUTUBRO, DÍA EUROPEO CONTRA A TRATA DE SERES HUMANOS
Con ocasión do Día Europeo de Loita contra a Trata de Persoas, que se conmemora hoxe 18 de outubro, a Xunta de Galicia quere expresar un ano máis o profundo rexeitamento contra esta forma moderna de escravitude.
A trata de seres humanos constitúe unha grave violación dos dereitos fundamentais e está expresamente prohibida pola lexislación internacional e europea vixente, e penalizada como delito grave no noso Código Penal.
Segundo se recolle no último Informe da Comisión Europea sobre os progresos realizados na loita contra a trata (ano 2016), a trata de seres humanos con fins de explotación sexual segue sendo a principal forma de trata na UE, pois segundo reflicten as estatísticas, o 67% das vítimas deste delito foron explotadas sexualmente, e desa porcentaxe, o 95% son mulleres e nenas.
Con estes datos, queda polo tanto de manifesto que a trata de seres humanos con fins de explotación sexual non é un crime neutral en termos de xénero pois a maioría das súas vítimas son mulleres e nenas, constituíndo ademais unha forma de violencia contra as mulleres, unha violación da súa dignidade e dos seus dereitos básicos como persoas.
Este ano 2016, o Parlamento galego aprobou a Lei 12/2016, do 22 de xullo, pola que se modifica a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, precisamente para poder ampliar os dereitos das vítimas de trata con fins de explotación sexual que sufran este delito na nosa Comunidade Autónoma, que adquiren así a condición de beneficiarias das axudas económicas periódicas previstas para as vítimas da violencia de xénero en Galicia.
Pero a pesar de que o progreso lexislativo en materia de trata é cada vez máis notable en Galicia, en España e no resto de Europa, non podemos esquecer que queda moito por facer; 9 países do mundo carecen aínda por completo de lexislación nesta materia, mentres que outros 18 contan con lexislación parcial; Algúns deses países son grandes e están densamente poboados, polo que 2.000 millóns de persoas carecen da protección total que se contempla no Protocolo contra Trata de Persoas de Nacións Unidas.
Desde o Goberno da Xunta de Galicia estamos decididos a seguir impulsado medidas que apoien e axuden ás vítimas deste delito, e un ano máis poñemos en marcha unha campaña de sensibilización, nesta ocasión co lema NON ENTRES!, A explotación sexual denigra ás persoas, tamén a quen a consume, co obxectivo de seguir concienciando á sociedade en xeral pero tamén especialmente a quen saca proveito da vulnerabilidade doutro ser humano, pois a trata é un delito que existe porque responde a unha demanda previa.
Temos que previr, axuizar aos autores e protexer ás vítimas.
Con ese obxectivo seguiremos traballando.