Día das Letras Galegas de 2017, dedicado a Carlos Casares
- Manuel Baltar: «O nome de Ourense brilla con letras maiúsculas, con Casares no cumio da literatura galega»
- O presidente da Deputación de Ourense lembra o acto celebrado en Xinzo hai semanas para reivindicar o Día das Letras Galegas 2017 a prol de Carlos Casares, «un feito que hoxe se constatou e que fai que todos os defensores da nosa cultura debamos felicitarmos porque un dos grandes das nosas letras terá a homenaxe que se merece»
- Baltar felicita tamén á Fundación «Carlos Casares», coa que a Deputación de Ourense colabora activamente «para difundir e promover a obra e a figura poliédrica do insigne escritor ourensán»
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo onte, nada máis coñecer o ditame do pleno da Real Academia Galega, que acordou dedicar o Día das Letras Galegas de 2017 ao escritor Carlos Casares, que o nome de Ourense «brilla con letras maiúsculas, con Casares no cumio da literatura galega». O presidente do goberno provincial lembrou o acto celebrado en Xinzo hai semanas para reivindicar precisamente que o Día das Letras Galegas 2017 fose dedicado a Casares, un feito «que hoxe se constatou» e que fai que «todos os defensores da nosa lingua e da nosa cultura debamos felicitarmos porque un dos grandes das nosas letras terá a homenaxe que se merece».
Manuel Baltar felicita tamén á Fundación «Carlos Casares», coa que a Deputación de Ourense colabora activamente, «porque o labor que está a desenvolver para difundir e promover a súa obra fai que a figura poliédrica do insigne escritor ourensán creza co paso do tempo e agrome con forza unha nova semente que fortalece a nosa literatura e o particular xeito que temos os galegos de narrar e de contar os aconteceres da vida, sexa desde a realidade, investigando as nosas tradicións, ou mesmo desde o maxín da máis fermosa ficción».
Precisamente, semanas atrás, a Deputación de Ourense e o Concello de Xinzo de Limia organizaron un acto para reivindicar que nas Letras Galegas do ano 2017 o escritor homenaxeado fose Carlos Casares. Daquela, Manuel Baltar, participou na Casa da Cultura de Xinzo de Limia, na homenaxe a Carlos Casares, dentro da conmemoración das «Letras Galegas», un acto que contou tamén coa presenza do alcalde de Xinzo, Antonio Pérez; do presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar; do escritor Miguel Anxo Fernández; do presidente da Fundación «Carlos Casares», Javier Casares, e do fillo de Carlos Casares, Hakam Casares.
Baixo o lema: «Carlos Casares e o seu mundo creativo» a celebración tivo como obxectivo pór en valor a figura do insigne intelectual ourensán na semana na que se conmemoraban as Letras Galegas, «acto no que quixemos lembrar e reivindicar a Casares, porque todo o que fagamos por manter vivo o legado deste gran escritor galego é pouco e é obrigado», afirma Manuel Baltar, quen subliña que dos 57 artigos que ten o Estatuto de Autonomía para Galicia «o máis importante é o 5º, que di no seu parágrafo primeiro que a lingua propia de Galicia é o galego, o noso maior tesouro, que é grande porque figuras como Carlos Casares contribúen a elo».