Dez recomendacións imprescindibles que te guiarán por Monforte de Lemos
Unha ruta histórica, artística e literaria por Monforte da man de Xosé Martínez Rodríguez
- 1.- Campo da Compañía, Colexio do Cardeal e Parque dos Condes: espazo de lecer, de historia de arte e de literatura.
Comezamos o noso percorrido na grandiosa praza da Compañía dende a que ollamos a magnífica fachada do Colexio do Cardeal de 110 m de fachada e de estilo herreriano. O colexio tivo unha longa e rica historia dende os seus comezos en 1593 ata a actualidade de aí que teña moitos nomes: o do cardeal fundador Rodrigo de Castro (1523-1600) destacado persoeiro da Casa de Lemos, de Nosa Señora da Antiga (a advocación baixo a cal puxo o centro), da Compañía por telo ocupado moito tempo os xesuítas e dos Escolapios que é a orde relixiosa que actualmente o rexe. O colexio é tamén un tesouro artístico que merece a pena coñecer. Non só a fachada senón tamén a escaleira monumental, o claustro nobre, a igrexa e o museo que ten, entre outras pezas, os dous únicos cadros do Greco que hai en Galicia. O colexio tamén ten unha importante relación coa literatura. Abonda con lembrar que nel estudou Francisco Fernández del Riego ou Lois Pereiro.
O colexio é tamén un tesouro artístico que merece a pena coñecer.
Non só a fachada senón tamén a escaleira monumental, o claustro nobre, a igrexa e o museo que ten, entre outras pezas, os dous únicos cadros do Greco que hai en Galicia
Dende a praza da Compañía imos cara á rúa do Cardeal. Despedímonos da praza na súa parte baixa a carón dunha das estatuas que Monforte ten dende tempos recentes dedicadas a xentes de letras: a do VII conde de Lemos Pedro Fernández de Castro (1576-1622) grande escritor e mecenas.
Nos primeiros pasos cara á rúa do Cardeal imos a carón do Parque dos Condes hoxe espazo público de lecer que foi horta do Colexio dos Escolapios. No parque atopamos outras dúas esculturas de xentes de letras: a do cardeal Rodrigo de Castro e a do que foi cronista local Chicho Balado.
- 2.- Estatua de Manuel María
Fronte ao parque dos Condes hai unha pequena praza presidida dende tempos recentes por unha estatua de Manuel María (1929-2004) próxima ó lugar onde viviu moitos anos: a casa, hoxe transformada, que ocupa o número 1 da rúa Roberto Baamonde.
- 3.- Rúa do Cardeal
É a primeira rúa que atopamos no noso percorrido dende o Campo da Compañía cara ao norte da cidade. Actualmente constitúe o centro de Monforte. Forma parte das rúas da zona histórica e posúe fermosas casas, especialmente na parte peonil. Leva este nome en honor ó cardeal Rodrigo de Castro fundador do Colexio de Nosa Señora da Antiga coñecido tamén como Colexio do Cardeal, da Compañía e dos Escolapios. Durante moito tempo o chamado popularmente Cardeal Estreito chamouse rúa dos Sedeiros. Na rúa Cardeal estivo o Cine Capitol frecuentado ao igual que o Teatro Lemos da rúa Roberto Baamonde por Lois Pereiro. Lois tamén tiña nesta rúa librerías ás que acudía de neno: a Mapa, a Balado e a Xistral. A Xistral, situada nas Galerías Fontecha que comunican a rúa do Cardeal coa das Hortas, foi a librería que Manuel María tivo moitos anos na cidade.
- 4.- Praza de España e rúa do Comercio
A praza de España foi un lugar moi importante en Monforte dende a idade media. Aquí estivo situada dende tempos medievais ata o século XIX a Igrexa de Sta. María da Régoa. A praza foi un importante lugar de mercados. Hoxe está situada nela a Casa da Cultura, lugar en que Lois Pereiro, Manuel María ou Lois Diéguez entre outros celebraron actos en varias ocasións.
A rúa do Comercio, conta como a do Cardeal, con fermosas casas nas que destacan as súas galerías. No centro dela atópase o edificio que fora Hospital de Sancti Spiritus, Casa do Concello dende comezos do século XIX ata 2001, e actualmente Oficina Municipal de Turismo e Centro do Viño da Ribeira Sacra. Aquí atópase o Museo do Viño, lugar onde se ofrece unha interesante e completa visión sobre a viticultura dende a época romana ata os nosos días, unha ‘viticultura heroica’ amparada dende o ano 1996 pola D.O. Ribeira Sacra.
Como curiosidade, dicir tamén que no devandito edificio hai unha placa na fachada que lembra a celebración en Monforte no ano 1922 da IV Asemblea das Irmandades da Fala.
- 5.- Rúa de Santo Domingo e Porta da Alcazaba
Volvemos á praza de España e ascendemos polas escaleiras situadas nunha das súas ás. Na parte alta da praza atópase a fermosa Casa dos Yáñez, familia á que pertenceu o escritor local bilingüe do século XIX Manuel Yáñez González.
Pouco despois de contemplala xiramos á esquerda e ascendemos pola rúa de Santo Domingo que discorre paralela á muralla medieval. O percorrido pola rúa permítenos ollar no comezo da rúa as Torres do Cárcere Vello e posteriormente á Torre de Santo Domingo.
En fronte á cabeceira da igrexa de Santo Domingo atópase unha das portas que se conservan da muralla: a da Alcazaba coñecida en tempos medievais como das Pescaderías ou das Carnicerías. Cruzámola e collemos un camiño á esquerda que ascende ao Conxunto de S. Vicente do Pino.
- 6.- Conxunto de S. Vicente do Pino
O monte de S. Vicente do Pino está coroado pola Torre da Homenaxe e a Torre Pequena (as torres conveciñas aos ceos ás que se refería Góngora no seu fermoso soneto a Monforte), polo mosteiro beneditino de S. Vicente do Pino e polo Pazo dos Condes de Lemos. A fermosa Torre da Homenaxe, a máis alta de Galicia cos seus 30 metros, foi construída posiblemente nos séculos XIII e XIV e reconstruída de modo importante no século XV trala guerra irmandiña.
O mosteiro de S. Vicente do Pino ten as súas orixes na alta idade media, pero as construcións actuais son posteriores. A igrexa é do século XVI, a fachada do mosteiro do XVII e o fermoso claustro do XVIII.
A fermosa Torre da Homenaxe, a máis alta de Galicia cos seus 30 metros, foi construída posiblemente nos séculos XIII e XIV e reconstruída de modo importante no século XV trala guerra irmandiña
O Pazo Condal foi residencia dos condes de Lemos. Foi reconstruído tras un importante incendio sucedido en 1672. A porta de entrada é do século XVI. Nela están os escudos dos condes de Lemos.
O conxunto ten importante vinculación coa literatura. Podemos lembrar aquí figuras relacionadas coa casa de Lemos e coa literatura galega dos Séculos Escuros como Isabel de Castro ou o Bacharel Olea. A medieval Torre da Homenaxe tamén nos permite evocar os poetas medievais da Terra de Lemos como Pero de Veer ou Fernán Figueira de Lemos e historias como a de Inés de Castro. Na igrexa de S. Vicente atópase o sinxelo sepulcro medieval de Diego García III que moitos vinculan coa lenda da Coroa de Lume que tivo, como a historia de Inés de Castro, un importante tratamento non só na literatura galega senón tamén na española e noutras literaturas estranxeiras. O Pazo Condal pódenos levar a lembrar á vinculación da Casa de Lemos coa literatura; mesmo a praza que está diante del leva o nome de Luis de Góngora, un dos escritores do Século de Ouro da literatura española protexido polo VII conde de Lemos e que lle dedicou a Monforte un fermoso soneto como se sinalou en reiteradas ocasións.
- 7.- Campo da Virxe e Santo Domingo
Dende o monte de S. Vicente descendemos de novo á parte chá da cidade polo Campo da Virxe e pola rúa Santo Domingo. No Campo da Virxe estivo dende o século XVI polo menos a ermida de Nosa Señora do Campo, arruinada e abandonada a comezos do século XX. Ten grande protagonismo na procesión da Virxe de Monserrat, patroa de Monforte, o martes de Pascua. Aquí teñen lugar a bendición dos campos e a renovación dos votos do alcalde na que promete seguir celebrando festexos en honra á virxe o martes de Pascua e o 15 de agosto.
Ao chegar á altura da Torre de Santo Domingo baixamos cara o Convento de Santo Domingo. Foi fundado polos VII condes de Lemos no século XVII . Actualmente está ocupado polo centro educativo Fundación Torre de Lemos. Volvemos cara á Torre de Santo Domingo pero ao saír do adro da igrexa de Santo Domingo ou da Régoa imos un pouco cara á dereita para seguir descendendo á parte chá da cidade pola rúa Abelardo Baanante.
- 8.- Rúa Abelardo Baanante e Praza Doutor Goianes
A rúa Abelardo Baanante, ao igual que outras da zona histórica como a praza de España, Falagueira, Pescaderías e Zapaterías forman parte das rúas de ámbito xudeu na localidade. Monforte tivo na idade media unha colonia xudía que deixou a súa pegada na localidade. Hai tamén documentación moi interesantes sobre familias locais de xudeus conversos. Esta rúa chamouse con anterioridade Nova e Calexa. Ao final dela atópase a praza do Doutor Goianes que levou con anterioridade os nomes de Ferradores e Cantón de Bailén.
Monforte tivo na idade media unha colonia xudía que deixou a súa pegada na localidade. Hai tamén documentación moi interesantes sobre familias locais de xudeus conversos
Ao chegar á fin da rúa Abelardo Baanante vemos de fronte a fermosa fachada do Hotel Comercio na que figura na parte superior a data de 1905.
- 9.- Ponte Vella e Clarisas
Dende a praza Doutor Goyanes imos cara á Ponte Vella a cal cruzamos. Ao outro lado da ponte atópase o Convento de Sta. Clara.
Sobre o río Cabe érguese esta fermosa ponte de pedra de cantería moi ben labrada. Tamén é coñecida como “ponte romana” ou “ponte vella”. A actual ponte foi construída no século XVI aínda que é moi probable que substituíse outra anterior, como o demostra a tradición e o feito de que Monforte foi historicamente un importante nó de comunicación. Da reconstrución da ponte de pedra fixérase cargo, en principio, o mestre Alonso Rodríguez de Remberde, pero que “fixo e acabou” Pedro Rodríguez de Remberde, mestre canteiro, da mesma familia, seguramente irmán. A ponte consta de seis arcos semicirculares (na actualidade dous deles tapados polo que hoxe só son visibles catro), fortemente adoelados, de bastante desenvolvemento os centrais, o que o fai ser un tanto alombado, con ancho de 4,27 metros. Presenta diversos signos medievais.
O convento de Santa Clara foi inaugurado en 1646. Neste centro relixioso, fundado polos VII condes de Lemos e no que profesou como relixiosa a condesa fundadora, Catalina de la Cerda, sobresae o museo de Arte Sacra que alberga no seu interior.
- 10.- Do Convento de Santa Clara á Compañía
Dende o Convento de Sta. Clara volvemos cara á Ponte Vella pero non a cruzamos senón que xiramos antes á dereita e seguimos o noso percorrido polo paseo do río. Axiña aparece unha pequena vía á dereita que foi coñecida como “Callejón del Tinter” e que conduce ao Campo de Sto. Antonio. Neste lugar estivo o convento franciscano de Sto. Antonio de Padua comezado a construír en 1503 e derrubado no século XIX. No lugar que ocupou só conservamos un fermoso cruceiro. O edificio que hoxe ocupa a parte central da praza foi centro educativo e dende 2001 é Casa do Concello.
Volvemos ó paseo do río ata a chamada Ponte Nova. A esta altura subimos por unhas escaleiras, cruzamos a avenida de Galicia e seguimos de fronte polo paseo do río ata chegar á altura dunha pasarela. Aquí antes de cruzala e chegar ao parque dos Condes dende onde á súa vez se chega ao Campo da Compañía, punto de inicio da ruta, podemos ir pola rúa Covas ata a rúa Ourense. Ao chegar á esta rúa xiramos á dereita e axiña atopamos a casa número 39 na que naceu o 16 de febreiro de 1958 Lois Pereiro.