Destinados 150.000 euros para colaborar na xestión do saneamento do Consorcio de Augas de Valdeorras
- Medio Ambiente destinará 150.000 euros a colaborar na xestión do saneamento do Consorcio de Augas de Valdeorras
- A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asinou onte un convenio de colaboración neste sentido co presidente desta entidade, Pablo Pérez
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través de Augas de Galicia, destinará un total de 150.000 euros a colaborar na xestión do saneamento do Consorcio de Augas de Valdeorras.
Así se recolle no convenio asinado onte entre a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o presidente desta entidade, Pablo Pérez. O acordo, que será efectivo desde onte, ten carácter retroactivo e estenderá a súa vixencia ata o 30 de xuño de 2017.
O Consorcio de augas de Valdeorras iniciou a súa actividade en xaneiro de 2013, logo de ser constituído pola Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e os concellos da comarca. Trátase dunha experiencia piloto da Administración autonómica para avaliar os custos reais da prestación dun servizo supramunicipal de depuración, que inclúa a explotación de pequenas depuradoras e fosas sépticas.
Actualmente, este servizo dá cobertura a uns 28.000 habitantes dos 9 concellos da comarca (O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras). En total, baixo o modelo explótanse as estacións depuradoras de augas residuais da Rúa e O Barco, outras 9 pequenas depuradoras que dan servizo a núcleos de poboación de menor entidade, e ata 160 foxas sépticas.