Destacado o papel do sector da lousa na produción industrial e nas exportacións de Valdeorras
- A Xunta sinala o destacado papel do sector da lousa na produción industrial e nas exportacións da comarca de Valdeorras
- O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, visitou onte a canteira ‘Juanita’ (Carballeda de Valdeorras)
- O Goberno galego puxo en marcha unha nova edición do Plan Renove de Lousa para colaborar co sector no fomento do uso deste material nas fachadas e cubertas de edificios
- As exportacións de lousa creceron no primeiro trimestre do ano un 26,8% con respecto ao mesmo período de 2015, un incremento que se eleva ata o 67% na provincia de Ourense
O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, visitou onte a canteira de lousa Juanita (Carballeda de Valdeorras), onde subliñou o destacado papel deste sector, a nivel de produción industrial e na actividade exportadora, non so na economía da comarca, senón tamén na comunidade galega.
Acompañado por representantes do Clúster da Pizarra, Bernardo Tahoces destacou que a actividade da lousa consolídase como un dos sectores máis estratéxicos da economía en Galicia, mantendo tanto os seus niveis de emprego como o nivel de produción e de exportacións. No primeiro trimestre de 2016, as exportacións de lousa desde Galicia aumentaron un 26,8% con respecto ao mesmo período do ano pasado, alcanzando un volume de facturación de 7 millóns de euros, segundo os datos publicados polo Ministerio de Economía. Este crecemento é aínda maior na provincia de Ourense, onde as exportacións deste material medraron un 67% en comparación cos primeiros tres meses de 2015.
Ademais, as exportacións de lousa ourensá supoñen o 95% do total de Galicia. Neste sentido, o director xeral de Enerxía e Minas indicou que a previsión a nivel autonómico é alcanzar este ano as 280.000 toneladas de lousa, por un valor de 150 millóns de euros. Os países receptores da lousa galega son Francia, Reino Unido, Alemaña, Bélxica e Irlanda.
Para colaborar co sector e fomentar o uso deste material, a Consellería de Economía, Emprego e Industria puxo en marcha unha nova convocatoria do Plan Renove de Lousa, dirixida a familias e comunidades de propietarios para renovar cubertas e fachadas de edificios de vivendas.
Bernardo Tahoces informou ao sector durante a súa visita á comarca de Valdeorras que, tras aprobarse 100 proxectos e consumirse o orzamento de 600.000 euros que estaba previsto, a Xunta incrementará a súa achega con 1,5 millóns máis para as que están pendentes de atender nesta convocatoria. Deste xeito, o Goberno galego dedica un total de 2,1 millóns de euros para preto de 450 proxectos presentados, co que se aspira a mobilizar arredor de 8,5 millóns e dar traballo a 700 profesionais do sector da lousa en Galicia.
O director xeral de Enerxía e Minas destacou a importancia de fomentar o uso da lousa, que conta cunhas características especiais que a converten nun elemento de gran calidade para o seu uso como material de cubrición, contribuíndo ademais á redución dos consumos enerxéticos nos fogares galegos. Tamén agradeceu a colaboración do Clúster da Lousa na mellora competitiva do sector a través da innovación e a investigación. Bernardo Tahoces puxo como exemplo ao centro tecnolóxico da lousa polo seu labor no impulso da I+D+i.