Destacado o papel do comercio ourensán na dinamización económica e social da provincia
A Xunta destaca o papel do comercio ourensán na dinamización económica e social da provincia.
- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, subliñou na entrega dos I Premios Mercurio, organizados pola Federación provincial de comercio de Ourense, a importancia de “recoñecer a aqueles profesionais que co seu esforzo diario son un referente do saber facer do sector, da súa calidade e da innovación”
- Salienta o labor que desenvolve o asociacionismo no impulso ao comercio de proximidade e lembra que a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia este ano con preto de 300.000 euros ás asociacións de comerciantes ourensás
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, destacou onte na entrega dos I Premios Mercurio, organizados pola Federación provincial de comercio de Ourense, o papel do comercio ourensán na dinamización económica e social da provincia.
Vázquez Abeal subliñou así mesmo a importancia de recoñecer a aqueles profesionais que “co seu esforzo diario son un referente do saber facer do comercio de proximidade e da súa calidade”, ademais de destacar proxectos innovadores que “lle dan un novo pulo ao sector”. Do mesmo xeito, agradeceu ademais aos colectivos e persoas que foron recoñecidos tamén hoxe pola Federación polo seu respaldo ao sector ou a súa contribución á sociedade ourensá.
A directora, que felicitou á Federación provincial de Comercio pola iniciativa, salientou o importante labor que desenvolve o asociacionismo no impulso ao comercio de proximidade, permitindo levar a cabo estratexias de promoción conxuntas e achegar novos servizos aos consumidores.
Neste sentido, incidiu en que o respaldo ao asociacionismo comercial é prioritario para a Consellería de Economía, Emprego e Industria, que este ano apoia con preto de 300.000 euros o traballo que desenvolven tanto a Federación provincial de Comercio de Ourense como os sete centros comerciais abertos da provincia, así como a Asociación de Comerciantes e Industriais da Praza de Abastos nº1 de Ourense e a Asociación Empresarial de Valdeorras.
Estes apoios enmárcanse no novo Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, unha folla de ruta que destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.