Destacada «a necesidade que Europa intensifique o seu compromiso cos territorios termais»
- Manuel Baltar pide no Día Mundial da Auga que Europa “intensifique o seu compromiso cos territorios termais”
O presidente da Deputación de Ourense e da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa (EHTTA) , Manuel Baltar, destacou hoxe, data na que se conmemora o Día Mundial da Auga “a necesidade que Europa intensifique o seu compromiso cos territorios termais para que o binomio que caracteriza á auga: vida e saúde, siga a ter no vello continente un referente de impulso e defensa deste ben, tanto desde o punto de vista da saúde como do medio ambiente, da economía e do turismo”.
Nunha mensaxe difundida en inglés ao resto dos territorios termais de Europa, en calidade de máximo responsable desta rede termal, Baltar salientou o carácter bimilenario de Ourense como territorio termal e puxo de relevo o tema escollido este ano por Nacións Unidas para este Día Mundial: “Valorar a auga», “algo co que estamos comprometidos todos os membros da asociación termal europea. As nosas cidades existen porque a xente no pasado valoraba a auga o suficiente como para construír fermosas estruturas ao redor de fontes termais e compartir esa auga curadora, a auga termal, que é un torrente de historia do pasado ao futuro”.
#Water2me
“A campaña deste ano das Nacións Unidas, #Water2me, afonda no pasado dos nosos territorios termais e plantexa como son agora e como nos gustaría que fosen no futuro”, sinala Baltar, quen expresa a importancia de acadar canto antes a normalidade trala pandemia “e que as nosas augas termais contribúan a que a xente poida atopar espazos nos nosos pobos, vilas e cidades para fortalecerse, reencontrándose cos nosos mananciais, que teñen sido fonte de benestar durante séculos e unha verdadeira forza da natureza”, conclúe Manuel Baltar.
- Mensaxe de Manuel Baltar, no Día Mundial da Auga