Destacada a brillante traxectoria profesional do doutor Miguel Blanco no acto de homenaxe celebrado no centro de saúde de Petín
- No acto interviñeron o conselleiro de Sanidade o presidente do Parlamento, o alcalde do Concello e a viúva do doutor Blanco
- Era considerado un dos facultativos de máis futuro no ámbito da neurociencia
O conselleiro de Sanidade en funcións, Jesús Vázquez Almuiña, asistiu hoxe, no centro de saúde de Petín, ao descubrimento dunha placa en homenaxe ao doutor Miguel Blanco, un gran médico, un gran clínico, un gran investigador, un gran innovador e un gran docente, en palabras do titular da carteira sanitaria do Executivo galego.
O conselleiro remarcou a brillante traxectorial profesional de Miguel Blanco, do que destacou valores como o esforzo, a dedicación, a paciencia, a perseverancia e o compañeirismo, ben equilibrados coa súa humildade.
Tal e como subliñou Almuiña, o doutor Blanco era unha referencia para os seus compañeiros, unha guía para os seus alumnos, un líder para o seu equipo de investigación e un médico próximo, amable e atento para os seus pacientes. Discípulo do doutor José Castillo, era considerado un dos facultativos de máis futuro no ámbito da neurociencia.
No acto interviñeron, tamén, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, o alcalde do concello de Petín, Miguel Bautista, así como a viúva do doutor Blanco, Susana Bembibre e o doutor José Castillo.