Destacada a boa calidade da uva na vendima deste ano nas cinco denominacións de orixe
- A conselleira do Medio Rural destaca a boa calidade da uva na vendima deste ano nas cinco denominacións de orixe de Galicia
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou hoxe a boa calidade xeral da uva na vendima deste ano nas cinco denominacións de orixe de viño de Galicia.
Ángeles Vázquez sinalou que os informes previos facilitados polos consellos reguladores de Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras confirman as boas previsións en canto á calidade do froito, debido a factores como as chuvias rexistradas nos días previos á colleita, que propician o óptimo estado sanitario da uva, así como as súas condicións favorables de acidez e azucre.
As estimacións feitas polas denominacións de orixe apuntan a unha colleita total próxima aos 53 millóns de quilos de uva, que suporá un descenso respecto á de 2015. Malia iso, os valores da vendima actual serán bastante próximos aos do conxunto do último decenio. A conselleira salientou especialmente o caso da DO Monterrei, no que se prevé un incremento da uva recollida con respecto á media dos últimos anos.
Neste contexto, Ángeles Vázquez puxo en valor o traballo de viticultores e adegueiros que, segundo dixo, son os máximos responsables do éxito acadado polo sector vitivinícola galego nos últimos tempos. Lembrou ademais o incremento das exportacións dos nosos viños e o crecente recoñecemento que obteñen nos diferentes mercados. Deste xeito, engadiu, o prestixio desta produción agroalimentaria beneficia a todos (viticultores, adegueiros, distribuidores e consumidores) e representa unha referencia de calidade e bo facer dentro do noso agro.