Deputación e Xunta presentan en Fitur o Plan «Ourense, a provincia termal»

1 2015 MB e P Vasile

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentaron hoxe na Feira Internacional de Turismo (Fitur), en Madrid, o Plan «Ourense, a provincia termal», o proxecto máis importante no ámbito turístico da provincia e Ourense, a desenvolver no período 2014-2020, e que ten como obxectivo poñer en valor os recursos termais, naturais e culturais de Ourense, estruturando a oferta e os servizos de tal xeito que conduzan á creación do destino e da marca «Ourense, a provincia termal».

No acto de presentación, que tivo lugar no stand de Galicia en Fitur e que contou tamén coa participación de Paolo Vasile, conselleiro delegado de Mediaset, e do director xeral e Contidos de Mediaset, Manuel Villanueva, Manuel Baltar dixo que Xunta e Deputación de Ourense «van da man no desenvolvemento deste plan que pretende potenciar e promocionar os singulares recursos do termalismo que temos na provincia de Ourense para situala no mapa mundial do turismo de ocio e saúde, pois a provincia de Ourense conta cunha inmellorable materia prima como é súa riqueza natural por riba e por baixo da terra».

Baltar salientou que a finalidade do plan é «a recuperación e preservación dos recursos naturais, e a contribución ao desenvolvemento socioeconómico, ademais de articular os recursos, servizos e a oferta termais como produtos turísticos competitivos, innovadores e desestacionalizadores», e engadiu que entre todos, administracións, empresas e cidadáns temos un fermoso reto por diante: posicionar a Galicia como destino termal a través da potenciación de Ourense como provincia termal».

Coa sinatura, hai semanas no Carballiño, entre Manuel Baltar, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, do acordo para a execución do Plan Termal, cúmprese así o anuncio feito polo presidente provincial no pleno do debate sobre o estado da provincia para a posta en marcha das actuacións e para o desenvolvemento das estratexias e proxectos que no horizonte 2014-2020 se levarán a cabo en materia de infraestruturas, servizos e promoción do termalismo na provincia de Ourense.

Tamén hoxe, logo da presentación do Plan Termal tivo lugar a sinatura do convenio de colaboración dos trens turísticos de Galicia «Galicia a todo tren», para promocionar entre os viaxeiros a riqueza natural, monumental, vitivinícola e enoturística de Galicia, destacando a provincia de Ourense, que conta con catro das cinco denominacións de orixe galegas. O acto contou coa participación da ministra de Fomento, Ana Pastor; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente de Renfe, Pablo Vázquez.

Viaxes termais a Ourense

Posteriormente tamén se asinou entre a Deputación de Ourense, o Ministerio de Fomento e Renfe o convenio de colaboración de «Viaxes termais», que ten como obxectivo promocionar o termalismo da provincia de Ourense coa oferta de viaxes en tren con traslado aos balnearios e programa de tratamentos nos balnearios da provincia de Ourense.

Este acordo permitirá que todos os luns, de febreiro a decembro, os viaxeiros que desexen pasar un días gozando das bondades do termalismo poidan viaxar á provincia de Ourense aproveitando excelentes ofertas de viaxe en tren, traslados e estancias en balnearios dende máis de 40 das principais estacións de ferrocarril de España, combinando as liñas regulares de tren co posterior traslado incluído aos establecementos balnearios da provincia ourensá.

Preténdese así incrementar a competitividade do sector termal provincial cun modelo que poida sentar as bases e aproveitar, dentro de 3 anos, toda a potencialidade da chegada do AVE a Ourense e as reducións de tempos que xa se producirán este ano 2015 grazas á apertura de novos tramos de alta veocidade na viaxe entre Madrid e Ourense.

Co programa de «Trens termais» -dirixido a persoas maiores de 50 anos- a Deputación de Ourense e os balnearios queren incrementar a presenza nos establecementos termais da provincia de usuarios procedentes principalmente de 7 comunidades autónomas cualificadas como prioritarias: Madrid, Andalucía, Valencia, Cataluña, Castela-León, Murcia e Aragón. Os balnearios basearán a súa estratexia no Programa de Termalismo Saudable, de 6 días de duración. apoiado dende a Deputación de Ourense.

También te podría gustar...