Deputación e o Concello de Ourense analizan a coordinación das actividades culturais da capital
O vicepresidente segundo e deputado de Administración Provincial da Deputación de Ourense, Jorge Pumar, e a concelleira de Cultura do Concello de Ourense, Belén Iglesias mantiveron unha reunión no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” para estudar as posibles vías de coordinación das actividades culturais na cidade de Ourense. No encontro tamén participaron o asesor de Cultura da Deputación de Ourense, Aurelio Gómez Villar; o deputado de Cultura, Manuel Doval, e a directora do Museo Municipal de Ourense, Eva Torres.
Jorge Pumar afirmou que o obxectivo é “evitar coincidencias, para que os cidadáns poidan gozar de toda a programación da cidade, e acadar unha maior difusión da actividade cultural a través dunha única plataforma web na que figure toda a oferta da cidade, e co tempo incluír ao resto da provincia”.
A reunión enmárcase dentro da rolda de encontros do comité de cooperación permanente posto en marcha entre Deputación e Concello de Ourense “para colaborar entre ámbalas dúas entidades co fin de dinamizar e optimizar os proxectos de interese común para a capital e a provincia”, afirma o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, quen considera de gran relevancia esta iniciativa, contemplada no Plan Ourense 15-19 da Deputación de Ourense, “porque a finalidade é compartir toda a información e ter unha cooperación máxima e absoluta dispoñibilidade das dúas institucións para dar resposta inmediata pensando nas veciñas e veciños da capital e da provincia”.
Precisamente, froito desta colaboración Deputación-Concello de Ourense, o pleno da Deputación aprobou onte o Plan de cooperación ás obras e servizos do Concello de Ourense, que permitirá realizar as obras de mellora da rúa Concejo, a pasarela do Parque Barbaña e obras de infraestruturas, abastecemento e humanización Eiroás, Seixalbo, rúa do Mercado e Santa Mariña.