Deputación e CHMS impulsan o proxecto internacional «A raia termal», ligado ao termalismo e a protección dos espazos fluviais de Miño e Limia

Sinatura do protocolo medioambiental internacional "A Raia Termal". Asinan Manuel Baltar (Presidente Deputacion).

 

Deputación e Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) impulsan o proxecto internacional «A raia termal», ligado ao termalismo e a protección dos espazos fluviais de Miño e Limia, para o cal se estima un investimento de 2,5 millóns de euros. Abrangue os concellos ourensáns e portugueses polos que pasan os ríos Miño e Limia, e segundo informou hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, trala sinatura do protocolo de colaboración «esta iniciativa transfronteiriza, que une termalismo e medio ambiente, pretende protexer o patrimonio natural vinculado aos recursos termais de Ourense e dos territorios portugueses fronteirizos coa nosa provincia, polos que discorren os ríos Miño e Limia».

A sinatura do protocolo tivo lugar no Balneario Río Caldo de Lobios, presidido polo delegado de Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e rubricado polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente de CHMS, Francisco Marín, e polos alcaldes de Bande, Cortegada, Lobios e Muíños, José Antonio Armada, Avelino de Francisco, Mª del Carmen Yáñez e Plácido Álvarez, respectivamente, ademais de polos representantes das cámaras municipais portuguesas de Melgaço e Terras do Bouro, María José Nóvoas de Pinho Codesso (vicepresidenta), e Joaquín José Cracel (presidente).

Baltar explicou que con este ambicioso proxecto «preténdese contribuír a seguir poñendo en valor a riqueza termal e natural da contorna transfronteiriza de Ourense e Norte de Portugal, para incrementar o turismo internacional de calidade nos ámbitos do ocio, a saúde e o patrimonio natural».

Esta iniciativa medioambiental nos ríos Miño e Limia, que a Deputación de Ourense e a CHMS presentarán como candidatura para proxecto europeo «é un paso máis en favor das vilas termais da provincia de Ourense e do Norte de Portugal –afirmou Manuel Baltar-, onde temos que aproveitar o noso mar interior, que está debaixo da terra e que fai que a nosa provincia sexa o territorio de Europa onde hai máis surxencias termais e onde temos a auga máis quente (77 graos), que mana precisamente en Río Caldo».

No marco desta iniciativa preténdese desenvolver actuacións como a protección e conservación de espazos naturais fluviais fronteirizos do Miño e do Limia; a mellora da calidade das súas augas; a creación dunha rede que fomente a vertebración dos recursos termais transfronteirizos raianos de Ourense e do Norte de Portugal cara á súa valorización turística, e a promoción de itinerarios e produtos turísticos baseados nos recursos termais e naturais do espazo transfronteirizo do Miño e do Limia.

A finais de febreiro foi aprobado o novo Programa de Cooperación Transfronteiriza entre España e Portugal -INTERRG V A- que prevé apoiar proxectos transfronteirizos durante o período 2015-2020 por un importe total de 382 millóns de euros. Espérase que a apertura do prazo de presentación de proxectos se inicie a principios do segundo semestre deste ano 2015, período no que será enviada á candidatura do proxecto «A Raia Termal».

También te podría gustar...