Deputación de Ourense integra a Xunta de Goberno da FEMP por primeira vez en 35 anos
Por primeira vez, en 35 anos, a Deputación de Ourense integra a Xunta de Goberno da FEMP.
- Manuel Baltar considera que nesta nova etapa do municipalismo español «os gobernos provinciais gañan peso ao formar parte do órgano de goberno cinco deputacións».
- O presidente provincial afirma que trasladará ás comisións de traballo da FEMP «a nova visión de provincia, co mesmo perfil prepositivo que caracteriza á Deputación de Ourense, para seguir innovando e para ir da man dos cambios que demanda a cidadanía».
- Baltar avoga por seguir mantendo a liña da unanimidade nos acordos da Xunta de Goberno «porque esa é a gran fortaleza das entidades locais e unha mensaxe importante para enviar a Europa por parte do municipalismo español».
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, fixo hoxe balance da súa recente elección como membro da Xunta de Goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que tivo lugar no XI Pleno que se celebrou a pasada fin de semana en Madrid. Trátase da primeira vez, en 35 anos, que a Deputación de Ourense integra a Xunta de Goberno do máximo órgano do municipalismo español, unha elección que o presidente cualificou como «unha responsabilidade é unha oportunidade para seguir innovando en política e na administración, e para favorecer ese maior achegamento dos cidadáns ás institucións».
Manuel Baltar -único representante galego na Xunta de Goberno xunto a Abel Caballero, presidente da FEMP- considera que nesta nova etapa do municipalismo «os gobernos provinciais gañan peso ao formar parte do órgano de goberno 5 deputacións fronte a un único goberno provincial que integraba a Xunta na pasada lexislatura», e comprometeuse a trasladar ás comisións de traballo da FEMP «a nova visión de provincia co mesmo perfil prepositivo que caracteriza á Deputación de Ourense, para seguir innovando e para ir da man dos cambios que demanda a cidadanía».
Manuel Baltar avoga por seguir mantendo a liña da unanimidade nos acordos da Xunta de goberno (509 resolucións adoptáronse unanimemente no pasado mandato) «porque esa é a gran fortaleza das reivindicacións das entidades locais e unha mensaxe importante para enviar a Europa por parte do municipalismo español; niso a Deputación de Ourense porá todo o seu empeño», e engadiu que non cabe outro plantexamento «que deixar de lado posturas partidistas e ter en conta a fortaleza que caracterizou á FEMP na pasada lexislatura. Ogallá a unanimidade sexa unha aspiración de todos».
Un dos aspectos a debater nesta nova etapa do municipalismo español «será a reformulación da política provincial», dixo Manuel Baltar, quen avanzou que o vindeiro 28 de setembro abordará precisamente ese tema na conferencia que impartirá no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela, dentro do Foro «Nueva Economía Forum», e neste ámbito económico destacou: «Os municipios e as provincias foron os que maior esforzo fixeron durante a crise, sendo as administracións públicas mellor xestionadas. O reto é agora o novo modelo de financiamento local e tamén o debate do financiamento autonómico, algo que debe abordarse simultaneamente –a reformulacións dos dous subsistemas: local e autonómico- para que se teñan en conta os entes locais e se inclúan no Consello de Política Fiscal e Financeira».
O presidente do goberno provincial expresou que a Deputación de Ourense «entra na Xunta de Goberno da FEMP co aval de ter liderado iniciativas pioneiras no ámbito da administración pública, como fixo achegando propostas innovadoras á Fundación Democracia e Goberno Local, «situándonos á vangarda dos gobernos provinciais en moitos aspectos organizativos, de xestión, de rigor económico, de prestación de servizos e de transparencia, todo en favor dos concellos e dos cidadáns», e valorou a incorporación ao órgano reitor da FEMP como «un recoñecemento ao traballo feito polo equipo de goberno da deputación e do corpo funcionarial do ente provincial, que soubo interpretar perfectamente as directrices políticas».