Deputación de Ourense entregará o premio «Provincia Intelixente» no 15º Concurso de Proxectos Tecnolóxicos

  • O prazo de presentación de traballos para ao certame remata o vindeiro 26 de novembro

0 Con Prox tec 15

No Pazo Provincial tivo lugar onte a presentación do 15º Concurso de Proxectos Tecnolóxicos, un certame que se celebrará o 10 de decembro na Escola Superior de Informática do Campus de Ourense e que ten como obxectivo vencellar a investigación realizada na universidade nos eidos da informática e as telecomunicacións e as demandas do mundo empresarial. O acto de presentación contou coa presenza da directora da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense, Ana Garriga; o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín, e o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gomez Villar.

A principal novidade deste ano é que a Deputación de Ourense, patrocinadora do evento, entregará o Premio «Provincia Intelixente», unha categoría especial que ten a súa razón de ser no apartado de «Provincia Intelixente» do Plan Ourense 15-19, orientado a dar servizos ós cidadáns e ás administracións locais e no que as tecnoloxías da información teñen unha especial incidencia no seu desenvolvemento. Daráselle especial relevancia a aqueles traballos que poidan ser encamiñados a dar solucións englobadas neste proxecto.

O concurso de Proxectos Tecnolóxicos chega xa a súa décimo quinta edición consolidado como unha gran oportunidade para os estudantes do sector de Galicia e de Portugal para dar a coñecer os seus proxectos de Fin de Carreira. Esta iniciativa constitúe unha oportunidade para poñer en valor o talento dos estudantes galegos, impulsando o emprendemento e a competitividade co obxectivo de xerar novas oportunidades de emprego.

A finalidade deste concurso é sensibilizar ás empresas dos beneficios que lles pode achegar a aplicación da investigación tecnolóxica ó seu proceso de produción axudando a facela máis competitiva. Polo tanto, teñen cabida todos aqueles traballos onde prime unha clara aplicación das súas ideas ó mundo empresarial e que estean vencelladas coa realidade e necesidades cotiás

O acto de entrega dos premios terá lugar na Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo-Campus de Ourense, co-oganizadora do concurso xunto a Expourense, e será o xoves 10 de decembro. As bases da convocatoria para presentar os traballos poden consultarse na páxina web www.expourense.org. En total repartiranse 1.400 euros en premios.

O prazo para a recepción dos traballos remata o 26 de novembro. Pódense presentar os estudantes dos Títulos de Enxeñaría en Informática, Enxeñaría de Telecomunicación e Traballos de Fin de Máster de másteres oficiais relacionados co eido das tecnoloxías da información e as comunicacións das tres universidades galegas e tamén do Norte de Portugal.

También te podría gustar...