Deputación de Ourense e Sogama analizan as mellores alternativas para a xestión dos residuos
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, inaugurou hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” xunto á conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, o encontro sobre “Xestión sostible dos residuos: alternativas e eficiencia”, un curso de verán promovido pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) que se desenvolverá ata o vindeiro venres, 3 de xullo, e no que expertos medioambientais, técnicos e representantes institucionais debaten sobre tratamentos, enerxía e aspectos tecnolóxicos e formativos do ámbito do lixo.
A xornada inaugural contou tamén coa presenza de Domingo Bello Janeiro, director da UIMP en Galicia, e Javier Domínguez Lino, presidente de Sogama.
O presidente da institución provincial dixo que a Deputación de Ourense “é un referente medioambiental como “goberno verde” polos proxectos pioneiros e de cooperación cos concellos que ten desenvolvido no que atinxe á xestión de residuos”, e citou como exemplo a “fusión de servizos” que o ente provincial leva a cabo co servizo de recollida de lixo en máis de cincuenta municipios, o que na próxima lexislatura queremos seguir ampliando para chegar ao maior número de concellos, incluída a capital”.
Baltar citou tamén outras iniciativas impulsadas pola Deputación como a Rede Provincial de Canceiras ou o Consorcio de Augas de Valdeorras, o Plan “Ourense, a provincia termal” e a entrada no accionariado da Estación de Manzaneda, “e seguiremos con proxectos pioneiros como a Axencia Provincial da Enerxía e do Medio Ambiente e outras medidas neste ámbito porque cremos no medio ambiente, e neste senso, a eficiencia e a concienciación deben presidir todas as nosas actuacións, como cidadáns e como institucións”.
Relatorios e mesas redondas
O curso, conformado por tres xornadas, suma en torno a 20 horas lectivas e vai dirixido a membros da administración local e autonómica (alcaldes, concelleiros e técnicos), profesionais do sector, estudantes universitarios e, en xeral, calquera persoa interesada na temática.
Nos relatorios de hoxe abórdanse os grandes conceptos que enmarcan a xestión dos residuos. Así, intervirá Carlos Martínez Orgado, presidente de honra da Fundación Economía Circular, quen falará da economía circular e as súas implicacións na xestión de residuos. Pola súa banda, Ana López Piñeiro, asociada sénior do despacho de Avogados Garrigues, disertará sobre o marco regulatorio na materia, facendo referencia ao contexto europeo, español e galego. E Mª José Echevarría Moreno, subdirectora xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta de Galicia, encargarase de explicar os pormenores do Plan galego de xestión de residuos urbanos definido para o período 2010-2020.
Xa pola tarde, terá lugar unha mesa redonda, que moderará o director xeral de Sogama, Isidro García Téllez, na que se abordarán as novas tecnoloxías da información na xestión dos residuos, temática que será analizada por Fernando Asperilla Pinilla, xefe do Servizo de Planificación, Prevención e Información da Consellería de Medio Ambiente; Miguel Varela Pérez, socio-xerente de Teimas Desenvolvemento; e Gloria Fuenmayor Fernández, directora de Calidade e Laboratorio de Sogarisa.
A xornada do 2 de xullo pretende achegar datos sobre a situación actual da xestión do lixo en España, encargándose disto a subdirectora xeral adxunta do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Margarita Ruiz Saiz-Aja. Seguiralle María Teresa Barral Silva, docente do departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago de Compostela, quen se deterá en explicar as características, funcionamento e resultados da compostaxe industrial e doméstica. Completará a rolda de intervencións Rafael Guinea, presidente da Asociación de Empresas de Valorización Enerxética de Residuos Urbanos (AEVERSU).
Na sesión vespertina, ofrecerase unha mesa redonda sobre o papel da educación ambiental na xestión dos residuos urbanos e na que participarán Julio López Rubio, xestor do Departamento de Relacións Institucionais de Ecoembes; Carlos Vales Vázquez, director-xerente do Ceida; e Ricardo García Mira, profesor de Psicoloxía Social e Ambiental na Universidade daCoruña.
O último día afondarase, por parte do director da Fundación Finnovaregio en Bruxelas, Juan Manuel Revuelta, na xestión dos refugallos urbanos no ámbito europeo, dando a coñecer os sistemas de recollida, reciclaxe e valorización. Pola súa banda, o director xeral de Sogama, Isidro García Téllez, falará do modelo Sogama, deténdose nas melloras industriais e de xestión acometidas durante os últimos tempos, e Javier Bobe Vázquez, director da Área de Medio Ambiente da Deputación de Ourense, tratará sobre a xestión dos residuos na estratexia ambiental deste organismo.