Deporte, solidariedade e medio ambiente, unidos na 7ª Andaina de Armariz

Manuel Baltar, cos directivos de Morea e Miguel Santalices

 

A Deputación de Ourense xunto coa Cruz Vermella, o Concello de Nogueira de Ramuín e diferentes entidades públicas e privadas colaboran na 7ª Andaina de Armariz, un evento lúdico, deportivo e solidario organizado anualmente pola Asociación de Veciños “San Ramón” e que este ano prevé contar coa participación dunhas 200 persoas.

“Unha xornada para o benestar e a solidariedade”, así definiu o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González, a andaina, que conta co apoio do goberno provincial neste proxecto solidario. Na presentación do evento, que tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, Bernardino González agradeceu o labor social que desenvolve Cruz Vermella na provincia de Ourense e tamén destacou o esforzo da Asociación “San Ramón” “por achegar ano tras ano a posibilidade de gozar do medio ambiente e do deporte por medio desta andaina”.

Pola súa banda, Sofía García-Iturri, secretaria de Cruz Vermella en Ourense agradeceu “esta proposta solidaria e saudable que promove boas costumes e permite concienciar á cidadanía sobre o respecto ao medio ambiente”, e subliñou que Cruz Vermella “amósase encantada de colaborar coa andaina”, unha iniciativa integrada nos proxectos que a ONG desenvolve na provincia de Ourense, nos que participan máis de 30.600 persoas.

Finalmente, Óscar Sánchez, secretario da Asociación de Veciños San Ramón, explicou que a andaina “terá este ano dúas rutas, de 9 e 13 quilómetros, ambas as dúas percorrendo fermosos paisaxes da Ribeira Sacra”, e aproveitou para reivindicar a candidatura deste espazo natural como Patrimonio Mundial.

Na presentación, os tres representantes fixeron unha chamada para que o vindeiro sábado se acheguen a Armariz o maior número de participantes en favor desta causa solidaria, da cal, por cada inscrición doaranse 2 euros a Cruz Vermella Ourense. O evento terá o seu punto de partida no Souto de San Ramón, ás 9.30 horas, e rematará ás 13.30 horas no mesmo lugar.

También te podría gustar...