‘Dende Auria’ obra que «ofrece ao lector pinceladas arqueolóxicas da cidade e da provincia de Ourense»
- Arqueoloxía «didáctica e divulgativa», na última publicación da Deputación de Ourense, obra do historiador José María Eguileta
- Manuel Baltar afirma que se trata «dun libro imprescindible para que os ourensáns coñezamos máis a fondo a nosa historia e para que os que nos visitan saiban da esencia do noso ser e das nosas orixes»
- José María Eguileta explica que a obra «ofrece ao lector pinceladas arqueolóxicas da cidade e da provincia de Ourense»
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o historiador José María Eguileta Franco, presentaron hoxe o libro Dende Auria. Reflexións sobre arqueoloxía e historia, obra do propio Eguileta que achega ao lector «pìnceladas arqueolóxicas de Ourense, de maneira didáctica, divulgativa e desenfadada», explicou o autor, no acto de presentación que tivo lugar no Centro Cultural «Marcos Valcárcel». A publicación, editada pola Deputación de Ourense, é un conxunto de artigos, publicados no xornal Faro de Vigo, onde Eguileta fai un repaso pola historia da cidade e da provincia de Ourense, sobre da zona da Baixa Limia.
Manuel Baltar destacou que esta é unha obra «de lectura imprescindible», por entender que nos permite aos ourensáns coñecer máis a fondo a nosa historia, e aos visitantes, saber da esencia do noso ser e das nosas orixes, todo elo da man dun especialista en Ourense, como é José María Eguileta», sinalou o presidente do goberno provincial.
Baltar lembrou que o autor tamén fai mención no seu libro a «dous grandes mestres da ourensanía: Xaquín Lorenzo, Xocas, e Florentino Cuevillas, e remata a publicación con Elvira Cuevillas, un apartado moi especial do libro que é outra razón máis para cualificar a esta obra como básica para todos aqueles que estamos namorados de Ourense».
José Maria Eguileta explicou que a obra estrutúrase en seis capítulos: o primeiro, «Historias da cidade de Ourense», fai un repaso pola orixe da cidade, as escavacións e os deuses da cidade. En «pinceladas da cidade», o autor fala da historia e evolución dos cemiterios e a vida cultural de Ourense, e tamén dedica un capítulo á provincia, principalmente á comarca da Baixa Limia. Os últimos tres capítulos céntranse no método arqueolóxico, a lexislación e a antropoloxía. O autor tamén dedica un capítulo aos mestres Xocas e Cuevillas e despídese cun apartado sobre Elvira Cuevillas («Ata sempre, Elvira»), «quen sempre tiña ganas de aprender algo todos os días», sinala o autor.
José María Eguileta Franco é xefe do Departamento de Arqueoloxía do Concello de Ourense. Graduouse en Prehistoria e Arqueoloxía na Universidade de Santiago de Compostela e obtivo o título de doutor en 1994, acadando o Premio Extraordinario. Entre os libros que publicou figuran A Baixa Limia galega na prehistoria recente. Arqueoloxía dunha paisaxe da Galicia Interior; Mámoas y paisaje; e Muerte y vida en Val de Salas (Ourense). El fenómeno megalítico en un valle de montaña; Coordinou os traballos sobre as recentes escavacións arqueolóxicas nas Burgas, e ten participado en congresos, cursos universitarios e xornadas científicas do ámbito arqueolóxico. Na actualidade está a centrar as súas investigacións na Arqueoloxía Urbana.