Defensa dun maior protagonismo das provincias
- Manuel Baltar defende en Bruxelas un maior protagonismo das provincias de Europa
- Baltar, quen comezou a súa intervención utilizando por primeira vez o galego nun encontro en Bruxelas entre provincias europeas, afirmou que a fortaleza das provincias «radica en impulsar proxectos integradores, innovadores e cooperadores en favor dos nosos territorios, onde importe a calidade e a universalidade dos servizos, iguais para todos os cidadáns, residan onde residan»
- O presidente da Deputación de Ourense participou hoxe na «Semana Europea das Rexións e as Cidades» como vicepresidente de Partenalia, a organización de gobernos intermedios de Europa
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe no Comité das Rexións en Bruxelas, en calidade de vicepresidente de Partenalia -a organización de gobernos intermedios de Europa- na Semana Europea das Rexións e as Cidades, nun encontro de presidentes de gobernos locais intermedios da UE no que se analizou a innovación na xestión administrativa e o papel das provincias no aproveitamento sustentable dos recursos naturais.
A Semana Europea das Rexións e Cidades é o maior cumio europeo deste tipo, no que gobernantes de administracións locais e provinciais, expertos e representantes do mundo académico debaten e poñen en común boas prácticas e coñecementos especializados en materia de desenvolvemento rexional e urbano.
Baltar, impulsor da creación da Axencia Provincial de Medio Ambiente e do proxecto «Provincia Intelixente», defendeu o protagonismo que deben ter as provincias de Europa, «que son os territorios máis achegados aos cidadáns desde o punto de vista administrativo», e dixo que a fortaleza das provincias de Europa, «lonxe das políticas que erguen muros, radica en impulsar proxectos integradores, innovadores e de cooperación en favor dos nosos territorios, onde importe a calidade e a universalidade dos servizos, iguais para todos os cidadáns, residan onde residan, no ámbito urbano ou no rural».
Manuel Baltar, quen comezou a súa intervención utilizando por primeira vez o galego nun encontro en Bruxelas entre provincias europeas, fixo especial fincapé nas políticas sustentables afirmando que os proxectos medioambientais «deben formar parte con maior presenza nos plans de mandato dos gobernos locais intermedios, para aproveitar aínda máis os recursos naturais dos nosos territorios». «O compoñente medioambiental dos nosos gobernos –subliñou- debe ser un eixe central da nosa actuación», e propuxo «interactuar co sector privado para xerar realidades e economías sustentables, converter ás nosas administracións en aliados de empresas e corporacións para avanzar na cultura global da sustentabilidade medioambiental, sen descartar liderar ese proceso. É o futuro inmediato».
Baltar apelou ao inconformismo e a traballar «na procura da excelencia na prestación dos servizos públicos», tanto nos ámbitos administrativo, medioambiental e sanitario como nos da educación, a cultura ou os servizos sociais. «Planificación e colaboración», demandou o presidente ourensán, para levar a cabo proxectos «que melloren o benestar e a calidade de vida dos cidadáns que habitan nas provincias de Europa. É o discurso do territorio».
Defensa da identidade provincial
Un termo este: «Provincias de Europa» que, segundo Manuel Baltar, «vai máis aló da definición duns territorios que comparten intereses». «A identidade provincial», explicou, «significa nestes comezos do século XXI: innovación e prestación de servizos personalizados, pois cada pobo, comarca e provincia, ten as súas necesidades y a elas debemos responder, independentemente das persoas que residan en cada núcleo de poboación, xa que a igualdade do benestar non debe depender nunca do número de cidadáns aos que atendemos senón ofrecer, precisamente, servizos iguais para todos».
O seminario desenvolvido hoxe en Bruxelas, organizado por Partenalia e a Fundación Finnova, contou coa participación do Consello Superior de Investigacións Científicas. O medio ambiente foi o tema que centrou o debate, abordándose cuestións como a xestión dos residuos, e as políticas e pautas de consumo que reduzan os vertidos. Precisamente, analizouse unha das accións destacadas: a valorización enerxética dos residuos, que ofrece, segundo os técnicos europeos, a posibilidade de xerar grandes cantidades de enerxía, substituíndo combustibles fósiles por biomasa e residuos con alto poder calorífico.
Como vicepresidente de Partenalia, Manuel Baltar transmitiulles aos gobernantes provinciais dos diferentes países europeos: «O meu firme convencemento de que as provincias de Europa debemos demandar o noso protagonismo nas políticas que tan de preto afectan aos nosos territorios», destacando entre eses ámbitos o do medio ambiente, e expresou: «Todos formamos o que se denomina gobernos locais intermedios, dos cales Partenalia é un excelente representante, sendo o organismo máis importante e o que mellor representa en Europa os intereses deste ámbito da Administración».
Manuel Baltar definiuse como «un europeísta convencido». «Moito máis –afirmou– nun ano no que se conmemora o 130 aniversario do nacemento e Robert Schuman, considerado o «pai» da Unión Europea», e engadiu que ese convencemento «radica nos valores da asistencia, solidariedade e cooperación, nos que se asenta a Unión Europea».
«Todo é mellorable –remarcou Baltar–, e hai que seguir avanzando no camiño da cohesión dos nosos territorios provinciais. Precisamente por iso estamos aquí, para demostrar desde o noso inconformismo que o «espírito Schuman», ese que fixo posible unir aos pobos de Europa hai máis de medio século, segue actuando desde as nosas cidades ata o máis pequeno dos nosos pobos, unha motivación na que todos, cidadáns e gobernantes, debemos exercitarnos para ter cada vez máis motivos para estar unidos, co ben común dos cidadáns como meta».
«Provincia Intelixente»
Tamén falou Baltar do proxecto «Provincia Intelixente», promovido por el e cuxo obxectivo é mellorar por medio da innovación tecnolóxica a xestión administrativa e os servizos dos cidadáns de cada concello. «É o mesmo que dicir –explicou-: aplicar os últimos avances das tecnoloxías da información e as comunicacións en favor dos habitantes dos nosos territorios, para igualarnos a todos, vivan onde vivan, para que teñan as mesmas «oportunidades tecnolóxicas» á hora de realizar os seus trámites coa administración».
«A mellor proba do acerto que supón esta interacción coa cidadanía –explicou Baltar– é que propiciamos unha redución na fenda tecnolóxica e incorporamos á provincia de Ourense proxectos de vangarda». Citou como exemplos ás multinacionais Vodafone e IBM «que se interesaron polo noso modelo e asinaron recentemente coa Deputación de Ourense un convenio de colaboración que posibilitará a construción na provincia de Ourense dun centro tecnolóxico, ao igual que as empresas Plexus e Bahía Software, que igualmente se uniron ao proxecto «Provincia Intelixente».