Declaracións institucionais con motivo do «Día Internacional da Muller». Xunta de Galicia e Deputación de Ourense

Declaracións institucionais con motivo do «Día Internacional da Muller». Xunta de Galicia e Deputación de Ourense

campana_2716

 

Xunta de Galicia:

No Día Internacional da Muller o Goberno Galego quere amosar unha vez máis o seu recoñecemento ás mulleres galegas que co seu esforzo, dedicación e tenacidade foron o piar na sombra do noso desenvolvemento cultural, social e económico ao longo da nosa historia, cun papel extraordinario no ámbito rural e tamén nas nosas cidades.
Este protagonismo segue a precisar, aínda hoxe no século XXI, de apoios para visibilizar o traballo das mulleres e para propiciar a súa plena participación en todos os ámbitos, por iso, seguindo o tema das Nacións Unidas para o 2016, “Por un Planeta 50-50 en 2030: Demos o paso para a igualdade de xénero”, cómpre dar ese paso definitivo para que a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres sexa unha realidade sen fisuras.
Na sociedade actual aprécianse significativos avances na igualdade de oportunidades de homes e mulleres, non só pola actuación dos poderes públicos, senón tamén grazas ao destacado labor realizado polo movemento asociativo das mulleres e á colaboración e contribución inestimable das entidades, axentes e organizacións sociais que traballan neste eido.
Non obstante, aínda persisten importantes disparidades e fendas de xénero en moitos ámbitos, singularmente na vida persoal e na proxección laboral e profesional. A necesaria eliminación das barreiras existentes e a erradicación da violencia de xénero, o máis inxusto e cruel expoñente da desigualdade, require promover e avanzar nun cambio social e cultural libre de estereotipos e roles por razón de xénero.
Sen deixar de atender outros ámbitos con incidencia en materia de igualdade, singularmente, no reforzamento da coordinación e das actuacións dirixidas ao tratamento integral da violencia de xénero e da súa prevención en todos os ámbitos, consideramos que para camiñar cara á absoluta igualdade é imprescindible abordar de maneira prioritaria as actuacións dirixidas a:

  • Consolidar un sistema educativo galego comprometido coa igualdade de oportunidades para nenas e nenos sen estereotipos de xénero no seu desenvolvemento persoal e na súa formación académica, baseado na educación en valores e no respecto mutuo.
  • Avanzar na corresponsabilidade e na conciliación sen xénero, impulsando a plena participación dos homes e mulleres nos dereitos e responsabilidades laborais, familiares e persoais, e reforzar o apoio ás familias e os recursos existentes para facilitar a conciliación.
  • Apoiar o empoderamento económico e social das mulleres, fomentando o emprendemento feminino, o seu acceso a postos de responsabilidade, e a súa integración nos sistemas e actividades de I+D+i e nas Tic; así como potenciar e promover a participación e acceso das mulleres aos centros de toma de decisións, tanto no ámbito público coma no privado.

O noso compromiso coa igualdade de oportunidades entre mulleres e homes reflíctese no Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020 e nos sucesivos plans galegos para a igualdade de oportunidades que, ademais de contemplar accións específicas, configúrase como principio horizontal de carácter transversal en todas as políticas e actuacións públicas. Nesta ámbito, no ano 2016, temos como obxectivo a elaboración do VII Plan Galego para a Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes 2016-2020, o II Programa de Muller e Ciencia 2016-2020, e a implantación dun Plan de Igualdade no ámbito educativo, no que están a traballar conxuntamente o departamento de educación e o de igualdade.
Nesta día de homenaxe ás mulleres, queremos pedir a toda a cidadanía, homes e mulleres, como protagonistas do necesario cambio de valores, a súa implicación, participación e compromiso coa igualdade, na procura dunha sociedade libre, solidaria e con equidade de xénero, na que os dereitos e oportunidades para o desenvolvemento persoal, familiar, laboral e profesional sexan iguais para todos e todas, mulleres e homes, o que sen dúbida contribuirá ao crecemento económico e ao desenvolvemento sostible, á mellora do benestar e da cohesión social e á revitalización demográfica.

Deputación Ourense:

Con motivo do «Día Internacional da Muller», que se celebra hoxe, 8 de marzo, a Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou a declaración da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) que se recolle no seguinte texto:

«Políticas públicas, reformas lexislativas que garantan a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, estratexias sociais e prácticas institucionais que melloren a vida das mulleres e dean visibilidade aos seus problemas, son actuacións imprescindibles e inaprazables que o 8 de marzo se porán de manifesto en todo o mundo.

Ese día, declarado polas Nacións Unidas Día Internacional da Muller, representa un ideal de xustiza e igualdade sen o que non é posible pensar a sociedade moderna, unha realidade da que a Administración Pública, en xeral, e as Entidades Locais, de maneira específica, son plenamente conscientes e que, ademais, leva implícita unha responsabilidade irrenunciable.

O 8 de marzo é un día para o recordo e a homenaxe. Para avanzar convén non esquecer o enorme sacrificio de moitas mulleres que enarboraron con decisión a bandeira dos seus dereitos civís e políticos, do mesmo xeito que outras moitas reivindicaron emprego e igualdade salarial. Hoxe seguen manifestándose diferenzas inxustificables entre uns e outras, e por iso compete á Administración Pública actuar para que deixen de producirse. Esa é a homenaxe que corresponde: resolver cunha verdadeira implicación todo o que aínda hai de inxusto na nosa sociedade.

A igualdade de xénero supón unha mirada diferente sobre as nosas cidades e pobos para facer de eles espazos de convivencia nos que mulleres e homes deben compartir con idénticas condicións o protagonismo dun tempo novo. Esa responsabilidade tradúcese en accións e esas accións fanas posibles políticas e políticos, funcionarias e funcionarios públicos, e todas as persoas que traballan nos distintos servizos que conviven cunha realidade á que se enfrontan, e que deben transformala día a día.

Con motivo da conmemoración deste día, a Federación Española de Municipios e Provincias insta a todos os Gobernos locais a sumarse á celebración desta xornada constituída por Nacións Unidas para reflexionar sobre o grao de avance logrado na loita contra a desigualdade que existe entre mulleres e homes e para emprender cantas actuacións sexan precisas a favor dos dereitos das mulleres en todos os ámbitos da sociedade.

A FEMP traballa cada día para acompañar aos Concellos, Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares do noso país na planificación e desenvolvemento de políticas que impulsen sociedades en convivencia e igualdade, pacíficas, xustas e inclusivas.

Por iso, a conmemoración desta xornada supón unha oportunidade máis para mostrar o compromiso das institucións locais cos dereitos da muller, manifestar a implicación de todas e todos na resolución dos graves problemas que as afectan e singularmente para facer fronte á lacra da violencia de xénero, verdadeiro estigma da peor inxustiza social.

A discriminación alcanza o seu punto máis elevado nos casos de maltrato e violencia en todas as súas formas, e en especial nos horribles crimes machistas que asolan ao noso país con datos estatísticos que nos obrigan a ser firmes, precisos e claros na loita para erradicalos.

A FEMP comprométese, unha vez máis, a terminar coa desigualdade e combater todo tipo de inxustizas co firme obxectivo de facer dos nosos territorios, cidades avanzadas e vangardistas nas que se xeren altos niveis de igualdade, prosperidade e cohesión social.

Celebramos o impulso, por parte de Nacións Unidas, do programa «Por un Planeta 50-50 en 2030: Demos o paso para a igualdade de xénero», para lograr un mundo no que todas as mulleres e nenas teñan as mesmas oportunidades e os mesmos dereitos. «Demos o paso» pide aos gobernos realizar compromisos nacionais que poñan fin á brecha na igualdade de xénero: dende leis e políticas ata plans de acción nacional e inversións adecuadas.

Para elo é preciso crear estruturas firmes, consensuadas e duradeiras capaces de canalizar os esforzos que se están a desenvolver dende o ámbito local en materia de igualdade e continuar a promover o desenvolvemento de políticas que estimulen a eliminación de toda discriminación por razón de xénero.

É necesario que garantamos a igualdade entre mulleres e homes na totalidade dos espazos da política local así como no acceso e integración da muller en todos os ámbitos da vida pública e a toma de decisións.

Estamos comprometidos co futuro, co noso e co das xeracións que están por chegar, con todas as persoas –mulleres e homes– que viven nas nosas cidades e que demandan vivir e formar parte de elas en igualdade».

 

También te podría gustar...