De minas, viñas e concerto en Éntoma
De minas e viñas: xornada de lecer arredor da paisaxe natural e cultural de Éntoma. (Último día inscripción)
Espazos Sonoros. VISITAS GUIADAS E ROTEIROS POLO PATRIMONIO
Para esta xornada propoñemos un completo programa de actividades arredor da paisaxe cultural e natural de Éntoma. Música, unha ruta pola natureza, actividades e obradoiros para afondar no coñecemento da cultura do viño e algunha que outra sorpresa agárdannos neste pequeno recuncho da comarca de Valdeorras.
A pequena parroquia de San Xoán de Éntoma, no concello do Barco, é un lugar de singulares e abondosas pegadas da historia perceptibles aínda nunha paisaxe, na que se detecta unha transformadora presenza humana, tanto a través do cultivo da vide, como dos vestixios de antigas explotacións mineiras. O noso percorrido por estas terras partirá da igrexa parroquial de San Xoán, unha singular construción en pedra vermella do país, que loce nunha das portas laterais a cruz da orde de San Xoán de Xerusalén ou de Malta, á que pertenceu esta igrexa.
A primeira parte do itinerario coincide co Camiño de Inverno a Compostela, do que se separa para ir tomando altura cara aos lugares das Covas e dos Forroxancos, onde son visibles restos relacionados coa extracción de recursos mineiros na Antigüidade. O camiño continúa ascendendo entre viñas de nova plantación ata o miradoiro da Torrizola. Alí teremos oportunidade de detérmonos para experimentar diversos aspectos en relación co cultivo da vide e coa colleita da uva. Posteriormente, a ruta descende cara ao río Galir, que cruzaremos por un pontón de madeira para regresar á aldea, onde pararemos para ollar a ponte antiga de lousa, construída sobre unha vía romana secundaria relacionada coa actividade mineira da comarca. No noso percorrido estaremos acompañados polo experto e arqueólogo Santiago Ferrer, que nos ilustrará sobre a paisaxe dun dos extremos máis orientais da xeografía galega.
De volta en Éntoma, e logo do xantar, poderemos participar en diferentes actividades e obradoiros arredor da cultura e dos procesos de elaboración do viño nas adegas Roandi. Remataremos cun concerto do Quinteto Egeria ao abeiro das barricas de viño.
Programa da xornada
11.00 h Encontro na igrexa de San Xoán de Éntoma
14.30 h Xantar (optativo) nas adegas Roandi (prezo 8 € por persoa)
16.30 h Tarde de actividades arredor da cultura vitivinícola na adega
19.00 h Concerto do Quinteto Egeria
Duración: 3 horas
Distancia: 7,84 quilómetros
Dificultade: media-baixa
Capacidade máxima: 60 persoas
Inscrición: do 26 de setembro ao 7 de outubro actividades@espazossonoros.org
Non esquezas:
_Calzado cómodo para camiñar
_Unha botella de auga
_Unha gorra para o sol
_Un impermeable por se chove
_Chocolate e unha mazá