Datos paro: Galicia sitúase como a comunidade na que máis baixou
- Galicia sitúase como a comunidade na que máis baixou o paro no mes de agosto
- A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, sinalou hoxe que en Galicia se reduciu o desemprego en -2.412 persoas con respecto a xullo, sendo a maior diminución estatal en termos absolutos
- A comunidade pecha o mes con 20.687 desempregados menos que en agosto do ano pasado, o que supón un descenso do 9,68%, e rexistra case tres anos de baixadas consecutivas interanuais
- Galicia mellora a media estatal tanto en comparación con hai un mes como co ano pasado
- Esta evolución positiva ponse tamén de manifesto nas afiliacións, onde a comunidade lidera tamén o incremento en termos absolutos neste mes
- O número de persoas sen emprego en Galicia volve caer en termos interanuais en todos os sectores, nas catro provincias e nas sete grandes cidades, tanto en homes como en mulleres, e en todos os tramos de idade, destacando o descenso nos menores de 30 anos nun -14,63%
- Por sectores, lidera a baixada a construción, cun -17,9%, seguido da industria, que rexistra un descenso do desemprego do -14,48% con respecto a 2015
Galicia sitúase como a comunidade na que máis baixou o paro no mes de agosto en termos absolutos. Así, reduciuse o desemprego en -2.412 persoas con respecto ao mes de xullo. Isto supón unha variación intermensual do -1,23%, situando a Galicia ademais como a terceira na que máis se reduce o desemprego en termos relativos.
Tal e como sinalou a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, Galicia pechou o mes de agosto con 20.687 desempregados menos que no mesmo mes de 2015, sumando case tres anos de baixadas consecutivas interanuais. Na comunidade rexistráronse en agosto un total de 193.045 persoas desempregadas, o que supón un descenso do -9,68% con respecto a agosto do ano pasado, a segunda maior baixada interanual nun mes de agosto de toda a serie histórica en termos absolutos, e unha baixada do -1,23% con respecto a xullo. Galicia mellora a media estatal tanto en comparación con hai un mes como co ano pasado.
Esta evolución positiva ponse tamén de manifesto nas afiliacións, onde a comunidade lidera tamén o incremento en termos absolutos intermensuais. Son ademais xa 29 as subidas consecutivas nas que Galicia rexistra unha interanual positiva en termos de afiliacións.
O paro, ao igual que nos últimos meses, volve diminuír en todas as variables con respecto a hai un ano. Así, baixa nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades e en todos os sectores, e tanto en homes como en mulleres. No tocante aos sectores de actividade, lidera o descenso a construción cun -17,90%, seguido da industria cun -14,48%. Por tramos de idade, destaca a baixada unha vez máis nos menores de 30 anos nun -14,63%.
O paro rexistrado decrece nas catro provincias galegas tanto en termos interanuais como intermensuais. Lugo lidera a variación interanual cun descenso do -10,65%, seguida da provincia da Coruña cun -10,01%; Pontevedra cun -9,32% e Ourense cun -8,96%.