Daniel Calvo reelixido Responsábel Comarcal de Galiza Nova Valdeorras
- A Asemblea Comarcal de Galiza Nova Valdeorras reelixe a Daniel Calvo Rodríguez como Responsábel Comarcal de Galiza Nova Valdeorras
A Asemblea Comarcal de Galiza Nova Valdeorras reelixiu por unanimidade a Daniel Calvo como Responsábel Comarcal, e a Manuel Agra Sánchez como Responsábel de Organización. A reelección prodúcese no marco do proceso posterior á XIV Asemblea Nacional de Galiza Nova, que tivo lugar o pasado 26 de novembro en Compostela. Seguindo os Estatutos de Galiza Nova, despois de cada Asemblea Nacional, as comarcas deben renovar as responsabilidades, sendo reelixido na Comarca de Valdeorras Daniel Calvo e contamos coa entrada de Manuel Agra como Responsábel de Organización.
Daniel e Manu agradeceron á Asemblea a súa confianza. Apuntaron que asumen con ilusión esta nova etapa que se abre, xa que se no BNG estamos abrindo “Un tempo novo” para o nacionalismo e para a organización, en Galiza Nova Valdeorras estamos potenciando esta organización xuvenil na comarca, ou mellor dito repotenciando despois de uns anos de baixón, tamén fan énfase en que hai futuro na Comarca de Valdeorras para Galiza Nova e para o BNG, e que grazas a esta nova situación, desenvolver as nosas actividades vai ser máis efectivo e motivador.
Dous son os retos principais para este novo período que se abre: Volver a potenciar tanto Galiza Nova como o BNG naqueles concellos da comarca onde poden estar en maior decadencia como Carballeda, Larouco, Petín, O Bolo, A Veiga e Vilamartín; e conservar e aumentar o número de militantes ou simpatizantes nos concellos de O Barco, A Rúa e Rubiá.
A estas responsabilidades sumarase nas vindeiras semanas a Responsábel Comarcal da Asemblea de Mulleres. A Asemblea de Mulleres é o máximo órgano de decisión en materia feminista de Galiza Nova. Potenciar este organismo, tamén na nosa comarca, será outro dos retos da organización para este período.
Tamén animaron a toda a mocidade de Valdeorras e arredores a sumarse ao proxecto de Galiza Nova e do BNG, un proxecto que cualifican de “verdadeiramente transformador” para este País, así como de “aberto e participativo”: “Todas e todos temos un oco no seo de Galiza Nova e no BNG”, apuntan.