Cultura e Educación subvenciona con 110.000 euros a actividade de seis asociacións profesionais do ámbito das industrias culturais e de catro salas de exhibición escénica
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria subvencionará este ano con 110.000 euros a actividade de seis asociacións profesionais e de catro salas de exhibición en artes escénicas de titularidade privada, como resultado da convocatoria de axudas da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) para o apoio a estes dous ámbitos.
A resolución da convocatoria da Agadic decidiu por concorrencia competitiva os colectivos de defensa do sector e os escenarios de titularidade privada que este ano percibirán axuda.
Agapi, Escena Galega, Profesionais da Xestión Cultural, Academia Galega do Audiovisual, Asociación de Actores e Actrices de Galicia e Clubtura repártense 50.000 euros para o seu financiamento.
Os espazos escénicos Teatro de Ensalle, Teatro del Andamio, sala Gurugú e sala Ingrávida resultaron adxudicatarios dos 60.000 euros previstos na súa modalidade.