Cultura e Educación mantén a convocatoria de estadías para que o alumnado mellore as súas competencias en lingua inglesa con 682 prazas
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria fai de novo este ano un importante esforzo a prol da aprendizaxe de idiomas coa convocatoria de 682 prazas para que o alumnado mellore as súas competencias en lingua inglesa en estadías lingüísticas. Así, o alumnado galego de ESO e de bacharelato poderá optar a bolsas para realizar estadías formativas en réxime residencial na Comunidade Autónoma de Galicia.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta convocatoria -cuxo prazo de solicitude estará aberto do 17 de marzo ao 16 de abril (ámbolos dous días incluídos)- con axudas a través das cales a Consellería sufragará entre o 87,5 e o 50% do custo das estadías que realicen as alumnas e alumnos beneficiarios.
De entre as 682 prazas ofertadas, 92 irán dirixidas a alumnas e alumnos de 1º e 2º de Bacharelato co obxectivo de que melloren as súas competencias en inglés en estadías dunha semana en réxime residencial, e con profesorado nativo, na propia Comunidade. Están programadas entre o remate do curso escolar e finais do mes de agosto.
No caso dos estudantes de 1º, 2º, 3º, e 4º da ESO, convócanse 590 prazas, tamén en réxime residencial en Galicia e con profesorado nativo, pero con estadías máis longas: de dúas semanas. As actividades desenvolveranse no mesmo período que para Bacharelato.
Solicitudes
Os interesados poderán realizar a súa solicitude a través da sede electrónica da Xunta, no enlace web https://sede.xunta.es, ou seguindo as instrucións correspondentes da aplicación dispoñible a través da dirección web http://www.edu.xunta.es/axudasle, onde tamén se farán públicas as listaxes cos nomes dos alumnos e alumnas que se beneficiarán das achegas. Tamén poderán presentar o formulario normalizado, dispoñible na sede electrónica da Xunta, por calquera dos medios establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Para obter as bolsas, os candidatos e as candidatas terán que ter unha nota mínima na área ou materia de lingua estranxeira (inglés) de Ben ou 6 no curso 2013/2014, así como ter superadas todas as materias nese mesmo ano académico. Os criterios para o baremo, puntuación e determinación das achegas familiares serán a nota media do expediente académico no curso 2013/2014, e a renda per cápita da unidade familiar. Ademais, terase en conta o feito de pertencer a unha familia numerosa, cun membro cunha discapacidade superior ao 33% ou pensionista de grande invalidez, así como o feito de non ter sido beneficiario dunha axuda destas características na convocatoria do ano pasado.
Contacto idiomático
O propósito desta iniciativa, enmarcada no Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, non é só que os asistentes aprendan un idioma estranxeiro, senón que o poñan en práctica durante todo o día nas diversas actividades que está previsto que se realicen. Nelas inclúense competicións deportivas, xogos, obradoiros, excursións ou veladas nocturnas. Todo isto permitirá darlle unha formación lingüística, social, cultural e ambiental ao alumnado.