Cultura e Educación e o Consello da Cultura Galega difunden o legado do Padre Feijoo no 250º aniversario do seu pasamento
A Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega (CCG) presentaron esta mañá en Ourense a programación de actividades para conmemorar o aniversario do pasamento do Padre Feijoo, do que o vindeiro venres, 26 de setembro, se cumpren 250 anos. Esta efeméride, segundo explicou o titular de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, “ofrécenos este ano unha oportunidade magnífica para promover un conxunto de actividades que van contribuír a afianzar e a espallar o importante legado dun intelectual que ofreceu nos seus escritos propostas renovadoras en campos como a ciencia, a educación, a lingua e a cultura”.
Para iso, “concibimos esta homenaxe con iniciativas para convidar a cidadanía a coñecer mellor e a revisitar a súa obra e o seu pensamento”, entre as que se inclúen exposicións en museos, arquivos e bibliotecas de xestión autonómica, materiais audiovisuais, un simposio, un obradoiro científico e guías de lectura.
“Cidadán libre da República Literaria”
Na súa intervención, Vázquez Abad destacou a próxima inauguración da exposición ‘O Padre Feijoo, cidadán libre da República Literaria’, organizada pola Consellería a través do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (MAPOU) e que se poderá visitar no Centro Social Afundación da cidade das burgas. A mostra, que toma o seu título da definición que fai o Padre Feijoo de si mesmo, pretende chamar a atención sobre os seus aspectos biográficos e a súa obra. Pezas singulares relacionadas co Padre Feijoo que se atopan entre os fondos do MAPOU, xunto con obxectos documentais e artísticos procedentes doutras institucións e particulares, forman parte da exposición, que xira arredor de dous eixos.
O primeiro apartado, Feijoo e Ourense, afonda na súa biografía a través de documentos e obxectos como a súa partida de bautismo, unha campa do século XV co escudo dos Feijoo, fotografías do século XIX do pazo familiar, unha carta autógrafa ou a máscara mortuoria que presidiu o seu funeral. O segundo eixo artéllase arredor de Feijoo e a Ilustración. A través de distintas edicións dos seus libros abórdanse algúns dos aspectos da súa obra, que pretende formular a profunda renovación que realizou Feijoo do pensamento do seu tempo.
Exposicións bibliográficas e documentais
O 26 de setembro, día no que se cumpre o aniversario do seu pasamento, Cultura e Educación tamén inaugurará a exposición bibliográfica e documental ‘Padre Feijoo, o ronsel dun sabio’, un percorrido pola época, a vida e a obra do intelectual que se poderá visitar na Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, ata o 26 de outubro.
As bibliotecas nodais de Galicia, situadas nas principais cidades e xestionadas pola Secretaría Xeral de Cultura, tamén se sumarán á efeméride con exposicións bibliográficas sobre o Padre Feijoo, que se acompañan, nalgúns casos, con guías de lectura para apoiar os seus contidos.
A mostra da Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela poderá visitarse desde hoxe, 22 de setembro, ata o 10 de outubro. Na Coruña, a mostra da Bibiblioteca Miguel González Garcés, que permanecerá aberta ata o vindeiro 30 de setembro, compleméntase cunha proxección audiovisual sobre a produción científica do Padre Feijoo. Tamén ata esa data se poderán visitar as exposicións da Biblioteca Pública Juan Compañel de Vigo e da biblioteca nodal de Lugo, que foi depositaria dos 600 volumes da biblioteca feijoniana ata que en 1941 foron devoltos ao Mosteiro de Samos.
Obradoiro sobre ciencia
Ademais, no marco da campaña de dinamización da lectura Ler conta moito, promovido por Cultura e Educación, o legado do Padre Feijoo tamén estará presente o 26 de setembro, na biblioteca nodal de Lugo, cun obradoiro para achegarlle á mocidade diferentes disciplinas científicas dun xeito lúdico, educativo e dinámico.
Un achegamento a través do audiovisual
A cidade de Ourense, xunto coa exposición do MAPOU, contará coas actividades programadas a través do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, que se sumará a esta homenaxe cunha nova entrega do serial de curtametraxes ‘As viaxes do capitán Gardador’, dedicada á figura do Padre Feijoo e ás distintas homenaxes que se lle fixeron ao longo da historia, co fin de dar conta da súa significación para Ourense.
Paralelamente, o arquivo realizará tamén unha exposición cos documentos utilizados neste audiovisual, xunto con reproducións de fondos procedentes doutros arquivos xestionados pola Consellería de Cultura e Educación.
Espazos para a reflexión: seminario do CCG
O Consello da Cultura Galega tamén contribúe á conmemoración desta data coa organización do seminario ‘B. J. Feijoo, renovador do pensamento da Ilustración’, coordinador polo vicepresidente da institución, Francisco Díaz-Fierros Viqueira. O Liceo de Ourense acolle o 9 de outubro este espazo para a reflexión e o debate no que, ademais de Díaz Fierros, tamén contará coa participación de Luis Rodríguez, da Universidade de Vigo; Inmaculada Urzainqui, da Universidade de Oviedo; o académico da lingua galega Xosé Ramón Barreiro e o investigador do CSIC Antonio Lafuente. Eles serán os encargados de abordar aspectos como a vixencia actual do pensamento de Feijoo, a súa pegada nos inicios da historiografía da cultura ou a ollada crítica de Concepción Arenal e de Pardo Bazón sobre a obra desta figura clave da Ilustración.
Enriquecer o coñecemento e o recoñecemento social
Ao abeiro do mandato parlamentario aprobado o pasado 14 novembro co apoio de todos os grupos da Cámara galega, a Xunta de Galicia contribúe á realización de iniciativas dirixidas ao conxunto da cidadanía “para recordar o Padre Feijoo e enriquecer o coñecemento e recoñecemento social da súa figura e do seu legado”, afirmou o conselleiro.
Xunto con Vázquez Abad e Díaz-Fierros, tamén asistiron á presentación da programación o titular de Cultura, Anxo Lorenzo; o xerente de Afundación e a delegada de zona de Afundación en Ourense, Pedro Otero e Beatriz Fernández-Anguiano, respectivamente; o presidente do Liceo, Xavier Casares; o director do MAPOU, Xulio Rodríguez; o director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, Pablo Sánchez; e a xefa territorial da Consellería en Ourense, Mercedes Gallego.